Naír Melo Pazos, natural de Santa María de Tebra, gaña o concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas O seu debuxo irá impreso nas camisetas que se repartirán entre os participantes nas actividades do venres

Naír Melo Pazos, de 26 anos e natural de Santa María de Tebra, én de gañar o Concurso de deseño de camisetas Letras Galegas, convocado polo grupo de voluntariado municipal.

A súa creación estará plasmada nas camisetas que se repartirán entre os participantes dos obradoiros e actividades conmemorativas, que terán lugar o vindeiro venres na Praza do Seixo, con motivo do Día das Letras Galegas (17 de maio). Obradoiros e actividades organizadas polos voluntarios e destinados a toda a poboación tomiñesa.

Naír Melo Pazos traballa na libraría Novidades, de Tomiño, mentres prepara oposicións. Cursou o Grao en Linguas Estranxeiras na Universidade de Vigo e gusta da fotografía e do cine.

“Reflexionando sobre a idea da individualidade, pensei que somos seres únicos e diferentes e, ao mesmo tempo, formamos parte dun conxunto: o colectivo galego. Galicia está en todos nós, aínda que cada quen o sinta de xeito diferente. Iso é sentir o galego (lema da camiseta)”, explica a autora do deseño.