Nota musical en Tomiño co Concerto de Primavera da Coral Polifónica

Nota musical en Tomiño co Concerto de Primavera da Coral Polifónica A cita será este domingo 30 de abril ás 19.00 horas no auditorio municipal de Goián. Entrada de balde

A Coral Polifónica de Tomiño prepárase para sorprender esta fin de semana ao público co seu tradicional Concerto de Primavera. Este domingo 30 de abril a coral tomiñesa ofrecerá no auditorio municioal de Goián un espectáculo no que todas as persoas asistentes poderán gozar do seu variado repertorio, que inclúe cancións populares e clásicas, así como algunhas pezas contemporáneas.

Baixo a dirección de David González, a Coral Polifónica de Tomiño subirá ao escenario ás 19.00 horas cunha actuación aberta a todos os públicos. A entrada será de balde e libre ata completar aforo.

A coral tomiñesa comezou a súa andaina no ano 1997 da man de Teresa Clara Iglesias Ramilo e na actualidade está formada por 30 voces mixtas que teñen gañado o recoñecemento do público pola súa calidade e estilo único. Dende a súa fundación, a agrupación polifónica percorreu as comarcas veciñas, así como moitas outras de toda Galicia, España e Portugal, participando en numerosos intercambios, encontros e concursos.