Nova cita da unidade móbil de doazón de sangue en Goián e Tomiño O autobús estará en Goián o vindeiro luns 24 de xuño e en Tomiño o luns 8 de xullo

Nova cita da unidade móbil de doazón de sangue en Goián e TomiñoTomiño afronta a chegada do verán cheo de solidariedade. Nas vindeiras semanas unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue visitará o concello en dúas novas ocasións para achegarse a todas aquelas persoas que desexen achegar a súa pinga de solidariedade e doar vida.

O vindeiro luns 24 de xuño o autobús da Axencia visitará Goián. Como vén sendo habitual a unidade móbil estará situada na parada do autobús, na Carballeira, en horario de tarde, de 16.15 a 21.00 horas. Xa o luns 8 de xullo, a unidade móbil estará na rúa Daniel Calzado Poceiro, en Tomiño, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) é un organismo público dependente da Consellería de Sanidade que engloba o centro de transfusión de Galicia. Entre os seus obxectivos atópase o de subministrar compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia en función das súas necesidades. Cos Xogos Olímpicos ás portas, a Axencia anima a doar e lembra que ás veces a recompensa non é gañar unha medalla ou quedar primeiro, senón que a mellor recompensa pode ser gañar unha vida.

Cada día ADOS despraza dez unidades móbiles a diferentes puntos de Galicia e mantén abertos sete puntos fixos de doazón nos principais hospitais na procura de doazóns de sangue que despois son procesadas e preparadas para atender ás e aos doentes que así o precisen. Dende a Axencia lembran que as mulleres poden doar 3 veces ao ano e os homes catro e que cada doante que achega a súa pinga solidaria desde os 18 aos 65 anos podería salvar a máis de 500 persoas.

As persoas interesadas en doar deben lembrar que só poden doar os maiores de 18 anos cun peso mínimo de 50 kg, que hai que almorzar ou agardar dúas horas despois do xantar e levar tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Recoméndase non acudir a doar se nos últimos 15 días se tivo febre, tose ou problemas respiratorios e débese informar ao persoal médico se se está a tomar algunha medicación.