O comercio local, costureiras voluntarias e o Concello unen forzas en Tomiño para fabricar mascarillas hixiénicas reutilizables A iniciativa “Tomiño suma” xerará máis de 4000 máscaras de acordo coa norma UNE 0065 publicada polo Ministerio de Sanidade este mesmo mes de abril

O pasado 15 de abril publicouse a norma UNE 0065:2020, elaborada polo Ministerio de Sanidad e varias institucións e entidades competentes (1), onde se establecen as condicións que deben cumprir as mascarillas hixiénicas reutilizables e as instrucións para a súa correcta elaboración artesanal.

O comercio local a través da Asociación de Comerciantes ADETO, unha rede de costureiras voluntarias e o Concello de Tomiño comezaron entón cunha iniciativa que baixo o nome de “Tomiño Suma” vai fabricar máis de 4000 máscaras hixiénicas reutilizables que serán entregadas á poboación.

Esta iniciativa trátase dun exemplo de colaboración local a través dun proceso en cadea: o Concello compra o tecido homologado, que cumpre coa norma mencionada, e Protección Civil de Tomiño o distribúe entre máis de 20 costureiras voluntarias que elaboran as máscaras. Tras a elaboración, limpadoras municipais debidamente equipadas desinfectan as máscaras con ozono e seguidamente se empaquetan en bolsas individuais. Unha vez embolsadas as máscaras son repartidas, coa colaboración de ADETO, por diferentes comercios de Tomiño que se atopan abertos para que as persoas poidan recollelas.

Así mesmo, lembran que estas máscaras non son un dispositivo sanitario dacordo ao Regulamento UE/2017/745 nin un EPI dacordo ao Regulamento UE/2016/425, senón “mascarillas hixiénicas reutilizables” de acordo ao establecido na norma UNE 0065:2020, e deben utilizarse xunto con todas as medidas de prevención que recomendan as autoridades competentes.

O tecido co que se están a elaborar é tecido de sarga 195-205 gr/ m2, de composición 35% algodón e 65% poliéster, lavable a 60º. Ten un acabado hidrófugo que permite que non entre nin salga pingas de fluídos, cumprindo co test AATCC-193 (repelencia a líquidos) e tamén ten acabado antibacteriano que cumpre co test UNE EN 14683 (tecidos para máscaras). Así mesmo ten unha eficacia de filtración bacteriana superior ao 90% e a respirabilidade en canto a presión diferencial por debaixo de 60 Pa/cm2, soportando ademais máis de 25 lavados, o que lle fai cumplir coas consideracións da norma UNE 0065.

“A solidariedade e o esforzo conxunto é a clave que nos permitirá saír adiante no futuro, e en Tomiño temos a tranquilidade de saber que contamos cunha poboación solidaria e colaboradora que non dubida cando hai que arrimar o ombro e axudar aos demais, como sempre fixemos na nosa historia”, sinala a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

A entrega faráse en varios lotes a partir do luns. Darase prioridade a persoas maiores e persoas de risco, e dende a organización da iniciativa chámase á responsabilidade, pedindo á poboación que vaian recoller máscaras só as persoas que realmente as precisen e só unha unidade por persoa.

(1) Ministerio de Sanidad; Ministerio de Industria, Comercio y Turismo; Ministerio de Consumo; Ministerio de Trabajo y Economía Social; AEMPS; INSST; CIE; FENIN; AITEX; ASEPAL; IBV; COIIM; EURECAT; LEITAT y TEXFOR. (https://www.une.org/la-asociacion/sala-de-informacion-une/noticias/especificacion-une-mascarillas)