Novos talentos reúnense na Masterclass de Guitarra da Eurocidade Cerveira-Tomiño

Novos talentos reúnense na Masterclass de Guitarra da Eurocidade Cerveira-Tomiño Será o 14 e 15 de xuño totalmente de balde con inscrición previa

Mocidade, música e talento na Eurocidade Cerveira-Tomiño. Dando resposta ao interese pola música amosado polos mozos e mozas de Tomiño e Cerveira no último Orzamento Participativo Transfronteirizo Novo celebrado no ano 2023, a Eurocidade organiza os vindeiros 14 e 15 de xuño unha Masterclass de Guitarra co obxectivo de promover un novo momento transfronteirizo que una educación e convivencia arredor dos valores e competencias sociais relacionadas coa música. A actividade, que se celebrará no Cineteatro de Cerveira – Marreca Gonçalves, será gratuíta con inscrición previa.

Deste xeito, mozas e mozos ata 25 anos serán desafiados a amosar as súas habilidades na práctica instrumental da guitarra nunha actividade ampliada que conxuga a adquisición de coñecemento e convivencia cun formato concurso que contará coa supervisión da Academia de Música Fernandes Fão e co apoio da Escola Municipal de Música de Tomiño.

O proxecto desenvolverase en dúas tardes, que arrancarán o venres 14 de xuño cunha Masterclass dinamizada por Francisco Gomes e que estará seguida dun concerto de guitarra con Francisco Gomes e Dejan Ivanovic. Xa ao día seguinte, o sábado 15 de xuño, terá lugar o 6º Concurso Internacional de Guitarra de 14.00 a 18.00 horas e a partir das 19.00 horas o Concerto cos Laureados, que suporá unha oportunidade de divulgación do traballo realizado, incentivando os talentos musicais existentes.

O grande interese dos mozos da Eurocidade Cerveira-Tomiño polas artes, en particular pola música, manifestouse na iniciativa ‘Música Nova’, un dos proxectos gañadores do Orzamento Participativo Transfronteirizo Novo 2023 e que permitiu obradoiros, ensaios e miniconcertos na rúa con diferentes estilos musicais, espallados por varios lugares de Tomiño e Cerveira.

O dinamismo asociado á área artística da música leva a que a Eurocidade Cerveira-Tomiño continúe coa creación de oportunidades de enriquecemento artístico e técnico de ámbito transfronteirizo, ampliando horizontes con novos eventos e mantendo os xa existentes, que contan cun grande éxito, participación e afluencia de público.

A participación da mocidade tomiñesa e cerveirense na Masterclass de Guitarra será gratuíta, pero precisa de inscrición obrigatoria a través do formulario propio habilitado para a actividade.

A iniciativa enmárcase na operación 021_REDE_GOV MINHO, cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través de INTERREG V-A POCTEP.