Nuria Rodríguez Pérez, gañadora do concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas A tomiñesa inspirouse nas novas formas de comunicación da mocidade

Nuria Rodríguez Pérez, gañadora do concurso de deseño da camiseta do Día das Letras Galegas

Este ano recibíronse 77 propostas para participar nun certame co que o Concello busca promocionar a lingua e a cultura galega

Moderno, actual e conectado á mocidade. Estes son os conceptos que inspiraron a Nuria Rodríguez Pérez, gañadora do concurso de deseño de camisetas do Día das Letras Galegas 2024 convocado pola OMIX de Tomiño co que cada ano se ofrece un lenzo en branco para conmemorar con enxeño e creatividade a cultura e a lingua galega, fomentando o seu uso en todos os eidos. Nesta edición, 77 persoas presentaron as súas propostas.

Mestra de pedagoxía terapéutica nun centro educativo da contorna, Nuria Rodríguez animouse a participar no concurso “convencida que é unha iniciativa moi boa para celebrar e conmemorar o Día das Letras Galegas”. Baixo o lema ‘Fai un match coa túa lingua’, para crear a súa proposta parouse a pensar “no meu día a día como mestra e na importancia que ten achegar o galego ás novas formas de comunicación que ten a mocidade. Neste ámbito, sen dúbida, as redes sociais ocupan un papel esencial”.

Partindo desa base, a autora fixo unha fusión moi interesante “empregando aspectos relacionados coas aplicacións das redes sociais e das citas, como é o caso do corazón coa palabra match para resaltar que algo nos gusta ou nos atrae”. Unha imaxe actual, que se achega ás novas formas de linguaxe, coa que Rodríguez pretende “asemellar que todos podemos facer un match perfecto coa nosa lingua”. “Buscaba ironizar que todos podemos ter unha cita ideal co galego tendo ese poder nas palmas das nosas mans”, subliñou.

A súa creación será plasmada nas 800 camisetas que se repartirán de balde entre as persoas participantes nas actividades que o Concello programará para conmemorar o Día das Letras Galegas o propio 17 de maio. Ademais, a autora poderá escoller entre tes agasallos de carácter tecnolóxico: un eBook Kindle, uns AirPods de Apple ou un Smartwatch Amazfit GTS 4 Mini Negro Medianoite.

Tratouse dun concurso moi reñido pola alta participación e calidade das propostas. O segundo posto foi para o deseño de Álvaro Portela, coa frase ‘Mírame, mírate, mírame en ti e escílleme para soñarte’ inspirado en Luísa Villalta, autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Empatados en terceira posición quedaron os deseños de Cristina Brey, coa frase ‘Michiño din que os galegos falamos cantando’, e o de Andrés Álvarez co lema ‘Reconquistemos os terreiros’.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quixo felicitar a Nuria Rodríguez polo premio e por un deseño “que busca achegar o noso idioma e a nosa cultura ás novas xeracións dun xeito directo, achegándose aos seus gustos e intereses e falando a súa mesma linguaxe”. A rexedora tamén deu os seus parabéns a todas as persoas que achegaron o seu gran de area participando no concurso, que tivo unha grande acollida nesta edición, e agradeceu ao grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño a súa implicación na organización do certame. González convida ademais a toda a veciñanza a conseguir a súa camiseta serigrafiada con este fermoso deseño e participar nas actividades do Día das Letras Galegas que se celebrarán o vindeiro venres 17 de maio na Praza do Seixo.