O alumnado do CEP Pedro Caselles esculpe soños coa Asociación Avelaíña

O alumnado do CEP Pedro Caselles esculpe soños coa Asociación Avelaíña Puxeron en marcha un proxecto que busca achegar aos rapaces e rapazas de 4º de primaria á saúde mental e á importancia de coidala

Sensibilizar e previr problemas de saúde mental nas aulas pero tamén nos fogares. Con ese obxectivo nace ‘Esculpindo soños, tecendo ás’, un proxecto que busca poñer en contacto ao alumnado de 4º de primaria do CEP Plurilingüe Pedro Caselles Beltrán con usuarios e usuarias da Asociación Avelaíña, unha entidade sen ánimo de lucro que axuda ás persoas con enfermidades mentais, ás persoas coidadoras e ás súas familias.

Para a posta en marcha deste proxecto, dende as aulas o alumnado traballou aspectos fundamentais como que é a saúde mental, a importancia de coidala e a necesidade de pedir axuda cando esta vese afectada. Arredor desta iniciativa, os nenos e nenas do centro educativo levaron a cabo varias actividades relacionadas, como unha saída ao pleno do Concello de Tomiño para expoñer todo o traballado sobre a saúde mental ou unha visita ás instalacións da Asociación Avelaíña na Guarda para comprobar de primeira man o importante labor que leva a cabo esta entidade. Ademais, os usuarios e usuarias de Avelaíña tamén estiveron nas aulas do colexio para realizar diferentes actividades cos nenos e nenas.

Esta iniciativa desenvólvese ao longo de todo o curso e pon en contacto directo ao alumnado coas persoas usuarias da asociación a través de correspondencia postal. Cada neno e nena cartéase cun usuario ou usuaria de Avelaíña, “establecendo así un vínculo especial entre eles e elas, ao mesmo tempo que traballamos en promover esa sensibilización e concienciación da sociedade plural e singular que nos rodea”, como sinalan dende o CEP Plurilingüe Pedro Caselleres Beltrán.

A alcaldesa, Sandra González, destaca o gran labor que están a realizar tanto a dirección, o equipo docente e o alumnado do centro como a Asociación Avelaíña con ‘Esculpindo soños, tecendo ás’, “un proxecto que proporciona ao alumnado distintas experiencias e aprendizaxes, achegándoos á realidade da súa contorna, favorecendo a capacidade de aprender por si mesmos, potenciando o pensamento crítico e a empatía e creando comunidades de aprendizaxe”.

O alumnado do CEP Pedro Caselles esculpe soños coa Asociación Avelaíña