O Apalpador baixa das montañas para visitar aos nenos e nenas de Tomiño Estará o 31 de decembro ás 12.30 h na Praza do Seixo. A vindeira semana será a quenda dos inchables

O Apalpador é un home grande que vive nas montañas de Lugo, ocupado todo o ano en facer carbón. Vestido cun traxe vello e cheo de remendos, con boina e ataviado cunha gran barba, cada ano baixa das montañas para visitar aos nenos e nenas tomiñesas. Este Nadal a cita será o vindeiro 31 de decembro a partir das 12.30 horas na Praza do Seixo.

Así, rapazas e rapaces de Tomiño poderán coñecer ao home que durante o Nadal tócalles a barriga cando están durmidos e durmidas para ver se están fartos ou teñen fame e deixarlles unha presa de castañas e algún agasallo máis agochado en calquera lugar da casa.

Tras o paso do Apalpador, a Praza do Seixo continuará sendo o escenario das actividades de Nadal para os máis cativos e cativas da casa. Os vindeiros 3 e 4 de xaneiro haberá inchables para público infantil e totalmente de balde de 16.00 a 20.00 horas.

O Concello anima a toda a veciñanza a acompañar ao Apalpador na súa estancia en Tomiño, ao tempo que destaca a importancia de pór en valor as tradicións entre a infancia. Convida tamén a todas as familias a achegarse con nenos e nenas e desfrutar de tardes de lecer cos inchables no centro da vila.