O CEIP de Barrantes organiza unha carreira solidaria pola investigación da leucemia infantil

O CEIP de Barrantes organiza unha carreira solidaria pola investigación da leucemia infantil Será o vindeiro 21 de decembro a partir das 10.15 horas polas rúas do centro de Tomiño

Os fondos recadados irán destinados á Fundación ‘Uno entre cien mil’

O CEIP de Barrantes achega o seu lado máis solidario para recadar fondos para a investigación da leucemia infantil. O centro educativo organiza o vindeiro xoves 21 de decembro unha carreira solidaria na que o alumnado correrán polas rúas de Tomiño para doar o seu esforzo a minutos de investigación que permitan afondar en tratamentos para a cura da leucemia infantil.

O equipo directivo e docente do centro anima a todas as nais, pais, veciños e veciñas a participar nesta iniciativa e achegar o seu gran de area. A carreira, que poderá facerse correndo ou andando, comezará ás 10.15 horas e transcorrerá polas rúas do centro de Tomiño.

Trátase dunha carreira solidaria e reivindicativa para demandar máis medios para a investigación da leucemia infantil, enfermidade que cada ano se lle diagnostica a 350 nenos e nenas en España. Todas as achegas son voluntarias e serán entregadas á Fundación ‘Uno entre cien mil’, unha entidade que dende 2010 loita contra a leucemia infantil.