O CEIP de Tebra estrea este curso comedor escolar

O CEIP de Tebra estrea este curso comedor escolar A alcaldesa, Sandra González, e o xefe territorial de Educación da Xunta, César Pérez Ares, visitaron este xoves as instalacións

O CEIP de Tebra estrea este curso comedor escolarO alumado do CEIP Plurilingüe de Tebra xa dipón de comedor escolar. A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia, César Pérez Ares, visitaron este xoves o centro educativo para coñecer de primeira man unhas novas instalacións coas que se dá resposta a unha demanda da comunidade educativa.

O Concello investiu máis de 7.400 euros nas obras de posta en marcha deste servizo que, como salienta a rexedora, “supón dar un paso máis na nosa aposta por favorecer unha maior conciliación laboral e familiar entre os nosos veciños e veciñas”. “Con estas novas instalacións pechamos un ciclo e conseguimos que, por primeira vez, todos os centros educativos do municipio dispoñan de comedor escolar”, explicou González.

Para a adecuación das instalacións, o Concello colocou unha nova instalación eléctrica, de fontanaría e saneamento, cambiou todas as luminarias por un sistema LED que garanta a eficiencia enerxética, pintou o espazo, instalou as mosquiteiras e matamoscas esixidos pola normativa e dotou ao comedor de todo o mobiliario necesario. Pola súa banda, centro educativo e ANPA colaboraron proporcionando os electrodomésticos precisos para o desenvolvemento do servizo. Mentres, a Xunta de Galicia será a encargada da xestión do cátering do comedor.