O Centro de Día de Tomiño abre as súas portas á veciñanza

O Centro de Día de Tomiño abre as súas portas á veciñanza Os días 1 e 2 de xuño celebra dúas xornadas de portas abertas con charlas, bingo, gastronomía e deporte

O Centro de Día de Tomiño abre as súas portas á veciñanza. Os vindeiros xoves 1 e venres 2 de xuño, o centro acolle un amplo programa de actividades abertas a toda a comunidade coas que queren animar a tomiñeses e tomiñesas a coñecer aos seus usuarios e usuarias e o traballo que realiza o seu equipo de profesionais.

A apertura destas dúas xornadas de portas abertas será o xoves 1 ás 10.30 horas cunha interesante charla informativa sobre ciberseguridade impartida por persoal da Garda Civil. Xa pola tarde, a actividade continuará cunha divertida sesión de bingo que se celebrará coa colaboración de rapazas e rapaces do Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, Voces Novas. Tras o xogo chegará o momento de saborear os pinchos degustación elaborados polas persoas usuarias do centro.

O venres 2 a festa continuará co acto de actualización da árbore das pegadas ás 10.30 horas para seguir con ‘Móvete con nós’, unha actividade dirixida polo persoal de MeUFIT Tomiño coa que desfrutar do deporte. A xornada rematará co I Concurso de Empanadas CD Tomiño, realizado polos establecementos hostaleiros da contorna e amenizado polo grupo Airiños de San Miguel. Será ás 16.00 horas e será o público visitante o que exerza de xurado para escoller a mellor empanada.

Dende o Concello de Tomiño agradécese a colaboración de todas as asociacións, entidades e grupos que achegan o seu gran de area para que a veciñanza coñeza o Centro de Día dun xeito ameno e divertido e convida a todos os tomiñeses e tomiñesas a participar nas xornadas de portas abertas.