O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández volve ás rúas de Tomiño e Cerveira

O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández volve ás rúas de Tomiño e Cerveira

Organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño coa colaboración da Fundação Bienal de Arte de Cerveira, o certame celebrarase o domingo 20 de agosto

O Certame de Pintura ao aire libre Antonio Fernández volve ás rúas de Cerveira e Tomiño. Organizado pola Eurocidade coa colaboración da Fundação Bienal de Arte de Cerveira, o vindeiro 20 de agosto celébrase a décimo primeira edición deste certame que busca achegar ás e aos amantes da pintura á contorna para que recollan in situ calquera paisaxe do percorrido establecido no mapa.

As persoas interesadas poderán inscribirse de forma gratuíta ata o 18 de agosto a través da páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño. A inscrición será por rigorosa orde de rexistro e unicamente en liña, non se permitirán inscricións presenciais no propio día do certame. As persoas participantes deberán presentarse o día do certame entre as 09.30 e as 11.30 h (08.30 e 10.30 h de Portugal) na Aula Museo Antonio Fernández de Goián para que a organización sele e numere o soporte que se empregará para a elaboración do cadro.

As obras rematadas serán presentadas, sen asinar e co título no reverso, xunto co cabalete, para a súa exposición na Praza Pintor Antonio Fernánez entre as 17.00 e as 18.00 horas para a súa cualificación por parte do xurado, composto por personalidades vinculadas ao mundo das artes. O fallo emitirase ás 18.30 horas. En total repartiranse máis de 2.600 euros en premios nas tres categorías participantes: infantil, ata 12 anos; xuvenil, de 12 a 17 anos; e persoas adultas. Os premios son outorgados polo Concello de Tomiño, a Fundaçao Bienal de Arte de Cerveira e a Comunidade de Montes de Goián.

As bases completas poden consultarse na páxina web da Eurocidade Cerveira-Tomiño.