O ciclo ‘Música e Románico’ arranca este verán cun concerto na igrexa de Santa María de Tebra

O ciclo ‘Música e Románico’ arranca este verán cun concerto na igrexa de Santa María de Tebra

Caamaño&Ameixeiras inaugura a segunda edición deste programa co que Tomiño pon en valor o seu patrimonio histórico artístico. Será este venres 7 de xullo ás 20.30 h con entrada de balde

Tras o éxito do pasado verán, Tomiño acolle no mes de xullo a segunda edición do ciclo ‘Música e Románico’, un programa co que o Concello pon en valor o importante patrimonio histórico artístico que representan as igrexas da época románica situadas nas parroquias de Santa María de Tomiño, San Salvador de Tebra, Santa María de Tebra e Barrantes.

Caamaño&Ameixeiras inauguran este novo ciclo este venres 7 de xullo cunha actuación ás 20.30 horas na igrexa de Santa María de Tebra. Unha actuación que estará precedida por unha breve explicación ao público participante das principais elementos románicos do templo que serve nesta ocasión de escenario.

“Este ciclo é unha oportunidade única para mergullarse na riqueza cultural e patrimonial de Tomiño combinando historia, arquitectura e música. Un encontro co importante legado do noso concello ao son do melodías excepcionais que nos farán desfrutar dunha experiencia enriquecedora e única”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Caamaño&Ameixeiras é un dúo ligado á música e ao baile de raíz. Ao son do acordeón diatónico, o violín e a voz, Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras achégannos a esta música cun toque moderno e fresco a través do seu primeiro traballo ‘Aire!’, no que participan diversas figuras de reputación internacional como Abraham Cupeiro ou Silvia Pérez Cruz. Estas dúas mozas acadaron dous dos premios máis importantes do panorama musical en España: o 1º Premio Martín Códax da Música 2021 e o 1º Premio no Folkez Blai 2021.