O Club Atletismo Trega colleita os primeiros éxitos da tempada en Valdeorras Acadou un ouro, tres bronces individuais e un bronce por equipos no campionato de Galicia de Cross Curto federado

O ano comeza con moi bo pé para o Club Atletismo Trega. O equipo de Tomiño conseguía esta fin de semana un ouro, tres bronces individuais e un bronce por equipos no campionato de Galicia de Cross Curto federado organizado celebrado na zona recreativa de O Aguillón e organizado pola Federación Galega e a Delegación Valdeorresa de Atletismo.

O responsable da Concellería de Deportes de Tomiño, Ismael Troncoso, quere felicitar públcamente aos compoñentes do Club Trega polo gran papel desempeñado neste campionato dividido en tres probas: o Memorial Alejandro Lorenzo e campionato galego de menores de campo a través Sub 10, Sub 12 e Sub 14; o XIII Campionato de Galicia cadetes Sub 16 e o XI Campionato de Galicia de Cross Curto de clubs desde Sub 23 ata sénior, veteranos e máster.

Resultados

Os atletas do Trega disputáronse as probas cos mellores deportistas de toda Galicia na especialidade de campo a través e cross curto, conseguindo moi bos resultados de toda a expedición do Baixo Miño. Ás mozas da categoría benxamín Sub 10 (Paula Rocha, Amanda Martínez, Mara González e Paula Martín) facían unha gran carreira e conseguían o primeiro logro para o club co bronce por equipos ao sumar un total de 42 puntos na categoría.  Mentres, na mesma categoría masculina, a Yeray Dacuña escapóuselle a medalla entrando xa na liña de meta e quedaba en cuarta posición.

Os alevíns femininos Sub 12 acabadan o seguinte éxito para o equipo ao conseguir Elisa Morgado un bronce ao entrar na liña de meta tras percorrer 1.500 metros en 6’ 22”, quedando coa sensación de poder facer algo máis para conseguir a prata. Cos resultados acadados por Carmen Magallanes, quinta clasificada, Mara Romeu, Aina Bolea e Carla Rocha as rapazas quedaban ás portas do podio por equipos, a tan só catro puntos do bronce. Unha grande actuación por parte do equipo xa que “para algunhas das atletas era a súa primeira vez competindo nun campionato galego”.

Ouro e bronce para os irmáns Sierpes, Álex e Christian, na categoría alevín masculino Sub 12 e bronce tamén para Marcela Morgado en infantís Sub 14 tras unha magnífica carreira.

Pola súa banda, o único representante do Club Trega no XIII Campionato de Galicia cadete, Hugo Domínguez, clasificábase no posto 21 tras unha carreira a ritmo constante e mantendo as mesmas posicións. No XI Campionato de Galicia de Cross Curto na categoría sénior-promesa Sub 23 mulleres Ariana González enfrontábase ás mellores atletas do momento en Galicia nesta modalidade e acadaba un meritorio noveno posto.

Dende o Club Trega de atletismos queren agradecerlle e destacar “o compromiso dos 21 atletas, adestradores, directivos e directivas e, como non, de todos os pais e nais desprazados” ata Valdeorras para desfrutar dun día de competición.

Continúan as citas

A próxima cita será esta fin de semana coa participación de integrantes do club no Campionato Escolar provincial Xogade, que se celebra o 3 de febreiro en Portas. Os e as atletas das categorías alevín, infantil e cadete que se clasifiquen participarán no Campionato Galego de Cross Xogade na Pobra do Caramiñal o vindeiro 17 de febreiro.

Este será un mes cunha axenda complicada para os e as atletas tomiñeses, xa que o 11 de febreiro participarán tamén no Campionato de Galicia de marcha en ruta de Aldán e o 25 de febreiro celebrarase o Campionato Galego de Pista Cuberta para benxamín, alevín e infantíl en Riazor, en A Coruña.