O Club Atletismo Trega regresa con tres medallas do XXIX Campionato Galego de Marcha en Ruta Os irmáns Sierpes foron campión e subcampión na distancia de 2 quilómetros, mentres que Emilia Rodríguez fíxose co bronce na categoría raíña

Gran actuación da escola de atletismo Trega de Tomiño no XXIX Campionato Galego de Marcha en Ruta celebrado a pasada fin de semana en Aldán. Unha vez máis os irmáns Sierpes compartiron podio, mentres que Emilia Rodríguez conseguía tamén quedar entre os tres primeiros cunha magnífica carreira.

Os irmáns Sierpes Pereira competían na distancia de 2 quilómetros en ruta sobre asfalto nun circuíto ao que tiveron que dar dúas voltas. Christian saíu dende o principio a pola victoria, impoñendo o seu ritmo e un claro dominio que o levarían a proclamarse como campión galego dos 2 quilómetros alevín masculino (mixto) en ruta cun tempo de 10’31’’. Cun crono de 10’50’’ facíase coa prata Álex Sierpes e proclamábase subcampión galego.

Pola súa banda, a marchadora Emilia Rodríguez arrancou na saída disposta a dar moita guerra e, a pesar da intensa choiva, loitou polo segundo posto ata o quilómetro 8. Tras dez voltas ao circuíto, a atleta conseguía o bronce na categoría de master veteranas, cunha clara vantaxe sobre a cuarta clasificada da categoría.

Dende o concello de Tomiño quérese felicitar ao club e aos seus deportistas polo gran esforzo feito e por todos os logros recollidos nesta nova edición do campionato galego de marcha en ruta.