O club Atletismo Trega de Tomiño consigue 16 medallas no campionato zonal de campo a través “Xogade” Tamén no XXX Campionato Galego de Marcha en Ruta, subiron ao podio tres atletas do colectivo

Nada menos que 16 atletas do club Atletismo Trega Tomiño conseguiron a pasada fin de semana sendas medallas no campionato zonal de campo a través Escolar do programa “Xogade” da Xunta de Galicia, disputado nas inmediacións do campo de fútbol ‘’A Canosa’’ (San Miguel de Tabagón) xunto ao río Miño.

A proba deportiva foi organizada pola agrupación deportiva do Baixo Miño (AGRUDEBAM) coa colaboración da comunidade de montes de San Miguel, o Concello do Rosal e a Xunta.

No campionato participou alumnado dos coles de toda a comarca e integrantes de clubs en idade escolar.

Oito foron as carreiras disputadas, de diferentes categorías, incluíndo tamén a varios atletas do centro San Xerome de A Guarda.

O Atletismo Trega levou 31 deportistas e superou a todos os rivais, tanto a nivel individual, coma colectivo.

Por outra banda, tres atletas do club conseguiron subir ao podio no XXX Campionato Galego de Marcha en Ruta, celebrado na Pobra do Caramiñal (A Coruña). Álex Sierpes Pereira alzouse co ouro, mentres que Milu Rodríguez Baz, fixo o propio coa plata, e Christian Sierpes Pereira, na categoría sub14, co bronce.

Dende a Concellería de Deportes do Concello de Tomiño felicitan a todos estes atletas polo seu grande esforzo e resultados, desexándolles un ano de éxitos.

Na foto, parte dos/das participantes.