O Club Deportivo Miño acudiu ao evento con cinco deportistas, que foron quen de traer un total de sete medallas Despois do parón nas competicións oficiais por mor da COVID-19, este domingo celebrouse nas augas do río Miño, ao seu paso por Arbo, o Campionato Galego de Slálom

Despois do parón nas competicións oficiais por mor da COVID-19, este domingo celebrouse nas augas do río Miño, ao seu paso por Arbo, o Campionato Galego de Slálom.

A competición caracterizouse pola baixa participación, e sobre todo pola escasísima participación feminina pero, sobre todo, polo carácter reivindicativo, coma xa é habitual, piragüistas, clubs e directivos da Federación aproveitaron a ocasión para recordar a necesidade dunha canle de slálom en Galicia.

O Club Deportivo Miño acudiu ao evento con cinco deportistas, que foron quen de traer un total de sete medallas.

O mellor da xornada foi, sen dúbida, Brais Castro que, na categoría absoluta de canoa fíxose coa medalla de ouro, proclamándose Campión Galego da categoría.

Samuel Castro tamén en canoa, pero categoría júnior, rematou terceiro, acadando podio coa medalla de bronce.

Sergio Rodríguez, en caiac, na categoría cadete, rematou primeiro, facéndose por tanto coa medalla de ouro e o campionato galego.

Ainhoa Barreiro, en caiac cadete, tamén acadou o ouro, e o título de Campiona Galega Cadete.

Alba Soutelo, en canoa cadete, tamén resultou gañadora, e, polo tanto, tamén Campioa Galega. Alba participou tamén en caiac, onde acadou a segunda posición.

Inmellorable balance para o Deportivo Miño con estas sete medallas na Competición máis importante da Liga Galega de Slálom Olímpico.

Na clasificación final por Clubs, os Teixugos remataron en terceiro lugar.

Esta será probablemente a derradeira competición de slálom a nivel autonómico e estatal que vexamos este ano, pois a Federación Española tomou a decisión de non celebrar competicións oficiais ata o próximo ano.

A nivel internacional, o teixugo Luís Pereira atópase neste momentos na cidade de Praga para acudir aos Campionatos Europeos de Slálom, no que tamén estarán os galegos Daniel Pérez e Ainhoa Lameiro do Club Piragüismo Penedo Te Importa.