O Club Deportivo Miño “Os Teixugos”, gañador da XI Taça Ibérica de Slálom A xa emblemática competición tivo lugar nas augas do río Coura ao seu paso por Azenhas de Pagade, na freguesía de Covas

Esta fin de semana celebrouse XI Taça Ibérica de Slálom, un exemplo de colaboración transfronteiriza.
A xa emblemática competición tivo lugar nas augas do río Coura ao seu paso por Azenhas de Pagade, na freguesía de Covas.
Organizada polas federacións galega e portuguesa de piragüismo, e polo Club Deportivo Miño, a proba puntuaba tanto na liga portuguesa, como na galega de slálom. Puro espectáculo foi o que deron os máis de cen deportistas participantes, nunhas xornadas nas que acompañou o bo tempo.
Ao longo do sábado disputáronse as clasificatorias, nas que moitos piragüistas xa quedaron fóra da competición. E na mañá do domingo foi tempo de finais e semifinais. O Club Deportivo Miño-Teixugos, organizador principal do evento, acudiu a cita con 8 deportistas, que foron quen de acadar catro medallas de ouro, tres de prata e unha bronce.
Ainhoa Barreiro, na categoría cadete, alzouse co triunfo tanto en canoa como en kaiak. Na mesma categoría, Alba Soutelo foi medalla de prata, tamén en C1 e K1. Samuel Castro, en C1 cadete, foi o gañador da proba.En K1 cadete,a que tivo a maior participación de “teixugos”, Sergio Rodríguez gañou a proba, Alexis Segadaes foi prata, Samuel Castro rematou cuarto e Mateo Rivas sexto.
En K1 infantil, Adrián Lluch, rematou en quinto lugar. Brais Castro, en C1 sénior, rematou coa medalla de bronce. Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador con 270 puntos, compartindo podio co Augas Bravas Clube con 226 e a Associação Desportiva de Amarante con 180.
Para ver máis imaxes :

https://photos.app.goo.gl/YgFv4aif17nbVNGc6

Informa Rosa Fernández Carrera.