O Concello agradece a Protección Civil os seus 25 anos de traballo desinteresado O sábado pasado, o presidente da agrupación, recolleu a distinción das mans da alcaldesa Sandra González

O Concello de Tomiño celebrou unha homenaxe á Agrupación Local de Protección Civil polos seus 25 anos de traballo a prol da cidadanía.

O acto, ao que asistiron representantes da Garda Civil e Policía Local; membros da corporación municipal e público en xeral, tivo lugar o sábado pasado ao mediodía no Salón de Plenos do Concello.

A alcaldesa, Sandra González, acompañada polo concelleiro de Seguridade, Ismael Troncoso e outros membros da corporación, agradeceu o traballo desinteresado dos voluntarios e voluntarias que, só en 2019, atenderon máis de 300 incidencias. O presidente da agrupación de Protección Civil, Iván Fernández, recibiu a distinción (unha placa) en nome dos seus compañeiros e compañeiras.

O colectivo creouse no ano 1992 e foron varios os seus presidentes. A Agrupación está formada na actualidade por unha vintena de homes e mulleres que realizan anualmente entre 300 e 500 servizos, aproximadamente, colaborando en accidentes de tráfico, accidentes urbanos, incendios forestais, procura de persoas desaparecidas, etc.

As instalacións da agrupación constan dunha oficina e unha sala de descanso. Contan con varios vehículos e demais material que lles permite desenvolver o seu traballo (1 camión, 1 furgón, 1 todo terreo, dous remolques, 2 embarcacións, desfibrilador, etc.). Os membros da agrupación asisten a cursos de forma permanente (accidentes na estrada, primeiros auxilios, incendios urbanos e forestais, aterraxe de aeronaves de emerxencia, de localización de persoas desaparecidas en zonas illadas, etc.).

Tamén a Asociación Nacional de Agrupaciones de Voluntarios de Protección Civil (A.N.A.V) galardoou hai poucos meses á agrupación, coa “Placa ao mérito na súa categoría de Ouro” pola súa labor durante 25 anos.