O Concello axuda por segundo ano consecutivo ás traídas de auga, cun investimento total de 50.000 euros As subvencións teñen coma obxectivo mellorar os sistemas de captación, almacenamento e potabilización da auga

  • Das 31 traídas existentes no municipio, 25 recibirán subvención para mellorar os sistemas de captación, almacenamento e potabilización da auga
  • As comunidades financiadas abastecen a 3000 habitantes

 

Vinte e cinco comunidades de usuarios de auga de Tomiño, recibirán unha subvención por parte do Concello, que lles permitirá facer fronte a gastos de materiais, equipamentos e man de obra para realizar melloras dos sistemas de captación de auga (fontes e pozos e o seu entorno); sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración, decantación, filtración), e sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución).

A convocatoria saíu publicada no BOP (Boletín Oficial da Provincia) o 3 de maio pasado e o prazo de entrega de documentación rematou o 4 de xuño. A comisión técnica avaliadora dos proxectos reuniuse o 10 de agosto. A partida total para as axudas competitivas ascende a 40.000 euros, que se repartirán entre 25 traídas de auga que entregaron a documentación requirida e cumpriron os requisitos, e que abastecen un total de 3000 persoas.

A concelleira de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, explicou ademais que dos conceptos incluídos na convocatoria de subvención, o Concello financia para todas as traídas (cunha partida de 10.000 euros adicionais), parte do custo (50%) das analíticas anuais e kits de cloración; 100% de medidores de cloro, e 100% da alta no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo e na elaboración de protocolos sanitarios, polo que o investimento total nas traídas de augas do Concello de Tomiño no ano 2018 ascende a 50.000 euros.

“Este é o segundo ano que se conceden as subvencións e, que saibamos, non hai outro concello que teña un programa de axudas similar”, puntualiza a concelleira. Debido ao novidoso deste tipo de programas de axudas, o Concello de Tomiño  foi convidado o pasado mes de xuño a unhas xornadas na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), denominadas “Os abastecementos veciñais a estudo. Propostas de xestión”, na que se explicaron os proxectos desenvolvidos nos concellos de Tomiño e Abegondo, a través de conferencias de representantes de ambos  concellos, da Dirección Xeral de Saúde Pública e de Augas de Galicia. O obxectivo destas xornadas era que outros concellos de Galicia puidesen coñecer políticas públicas de apoio a estes sistemas comunitarios de provisión de auga, tan comúns na Galicia rural.

O Concello de Tomiño habilitou por primeira vez unha partida de aproximadamente 50.000 euros o ano pasado (logo de que os concelleiro de Medio Ambiente e Obras, visitaran casi todas as traídas existentes no municipio), que foi investida en melloras relacionadas coas fases iniciais do proceso de provisión de auga de consumo, fundamentalmente a mellora das captacións e dos depósitos. As deste ano servirán para continuar esa labor, mellorando tamén os sistemas de almacenamento e potabilización da auga. “O obxectivo do Concello é apoiar a estes sistemas de xestión colectiva tradicionais, para que poidan cumprir a normativa vixente en materia de auga de consumo. O cumprimento da normativa é preciso, tanto para garantir unha adecuada calidade do servizo, como para a renovación das concesións ante parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e así garantir a supervivencia destes sistemas de xestión, tradicionais e colectivos”, explica a concelleira María Xosé Vázquez.