O Concello de Tomiño abre o prazo de axudas dirixida ás comunidades de usuarios de augas do municipio O goberno municipal investirá máis de 50.000€ na mellora das comunidades de usuarios de augas

O Concello de Tomiño ven de abrir o prazo de presentación de solicitude de axudas ás comunidades de usuarios de augas do municipio. As bases foron publicadas o pasado 3 de maio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e tamén se poden consultar na web municipal.

O Concello de Tomiño continúa coa colaboración que ven prestando ás comunidades de usuarios de augas e este ano 2018 destinará unha partida de 50.000€ do orzamento municipal. A colaboración materialízase nunha liña de axudas competitivas destinada a cofinanciar proxectos para mellora dos sistemas de captacións de augas, como poden ser fontes, pozos ou o entorno dos mesmos. Por outro lado, a mellora dos sistemas de almacenamento e potabilización, como os depósitos e equipos de filtrado, decantación e cloración. E por  último, o terceiro obxectivo da liña de axudas é a extensión ou mellora dos sistemas de distribución de auga.

Ademais da liña de axudas competitivas, o Concello cofinancia, para todos os comunidades de augas, unha serie de investimentos e gastos asociados coa mellora na transparencia e publicidade do estado das augas, coa potabilización obrigada das augas de consumo, e coa documentación que as comunidades deben ter obrigadamente, ven pola normativa actual e incluso anticipándose a incrementos de esixencia futuros. Entre estas axudas directas e xeralizadas,  están os controis obrigatorios da calidade das augas, os consumibles para a cloración e a elaboración de Protocolos Sanitarios ou inscrición no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo.

A Concelleira  de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, destaca “a continuidade das accións que de forma conxunta levamos a cabo coas comunidades de usuarios de auga e que reportan un beneficio claro e directo para o conxunto dos veciños de Tomiño”. A Concelleira engade que “a boa saúde das comunidades de usuarios é sinónimo de garantía nun servizo fundamental para o conxunto da cidadanía como é o uso da auga, un ben de primeira necesidade”.