O Concello de Tomiño acondiciona o Espazo Fortaleza e arredores para o verán A apertura do punto de información, o acondicionamento da praia fluvial e a contratación de socorristas veñen a sumarse á limpeza integral da fortaleza, que pode visitarse libremente

Coma cada verán, o Concello de Tomiño acondiciona o Espazo Fortaleza e arredores, na parroquia de Goián, de forma que este enclave ofreza ás persoas visitantes ou usuarias habituais, desfrutar da praia fluvial sobre o río Miño, percorrer a antiga Fortaleza de San Lourenzo, alugar bicis e kaiaks; solicitar información turística, ou pedir en préstamo xogos e libros no Punto de Información.

O horario de apertura do Punto Fortaleza é de xoves a domingo (xoves e venres do mes de xullo: de 17.30 a 21.30; sábados e domingos de xullo: de 16.30 a 20.30 horas. En agosto será de xoves a domingo, de 16.30 a 20.30 horas. Ademais do préstamo de xoguetes, xogos de mesa, libros e revistas, tanto para público infantil, coma para adulto, ofrécense unha serie de espazos para uso das persoas que visiten as instalacións, coma por exemplo, un espazo para a lactación, para que as mamás poidan aleitar e/ou descansar coas súas bebés, ou o espazo de xogo infantil, no que nenas e nenos a través do xogo libre desenvolven a súa creatividade.

Ao fronte do Punto Espazo Fortaleza están Tamara Gagliardi e Karina Bouzada. Ambas as dúas realizan actividades para público, na súa maioría infantil, tales coma obradoiros de reciclaxe, de plástica, de fabricación de xoguetes, conta-contos, xogos populares, etc.
Ofrecen ademais información turística e sobre as actividades culturais que se realizan tanto no concello de Tomiño, coma no resto da comarca. Aquí pódese tamén alugar kaiaks e bicicletas.

A praia fluvial de Goián conta, ademais, con dous socorristas na tempada estival, aos que se instalará nestes días unha cadeira de vixilancia, para controlar mellor os distintos puntos da praia e do río. O horario de verán para eles é de 13.00 a 20.30 horas, os meses de xullo e agosto, rematando o día 1 de setembro de 2019.

 

Limpeza fortaleza

Por outra parte e coma vén sendo habitual cada verán, o Concello procedeu a limpar de maleza todo o terreo da Fortaleza de San Lourenzo, por dentro e por fora, incluíndo os muros, portas, fosos e pasadizos. A actuación, levada a cabo pola empresa, consistiu en rozar  perimetralmente os muros mediante tractor, e as paredes laterais e foxos, con rozadoiras manuais, nunha área total de case 40.000 metros cadrados.

Noutra orde de cousas, e tal coma se anunciou recentemente, a Deputación destinará 200.000 euros ao acondicionamento do Espazo Fortaleza no marco do proxecto “Visit Río Minho”.  A actuación forma parte da creación do primeiro parque transfronteirizo de lecer de Europa, froito da unión do Castelinho e a Fortaleza.