O Concello de Tomiño aluméase de verde no Día Mundial da Saúde Mental

O Concello de Tomiño aluméase de verde no Día Mundial da Saúde Mental Súmase á campaña da Asociación Velaíña para sensibilizar e informar á veciñanza sobre a enfermidade mental

O Concello de Tomiño alumearase estes días de verde para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental que se celebra o vindeiro 10 de outubro. Súmase así á campaña que está a levar a cabo a Asociación Avelaíña ao longo de todo este mes co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre a enfermidade mental. Para chamar a atención sobre esta realidade, este xoves 7 instalouse unha mesa informativa na Praza do Seixo de 10.30 h a 13.30 horas a través das que a veciñanza puido coñecer máis sobre a saúde mental e o traballo que realiza a asociación no Baixo Miño.

O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde, conmemoración que pretende sensibilizar e informar sobre a importancia do coidado da saúde mental e a defensa dos dereitos das persoas que teñen algún problema desta índole. Este ano, o tema elixido a nivel mundial é a saúde mental nun mundo desigual, chamando a atención sobre aqueles factores que impiden que o coidado da saúde mental poida chegar a todas as persoas en igualdade de condicións.

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no ano 1997 no Baixo Miño para potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Declarada Entidade de Utilidade Pública en 2010, tras 24 anos de andadura, na actualidade a asociación conta con máis de 18 profesionais e 40 persoas socias con enfermidade mental, familiares, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.