O Concello de Tomiño colabora con ADEGA na organización dun curso técnico de compostaxe descentralizada

O Concello de Tomiño colabora con ADEGA na organización dun curso técnico de compostaxe descentralizada Organizado e impartido Adega, durará un mes e está dirixido especialmente a persoas en situación de desemprego, priorizando a maiores de 45 anos, menores de 25, mulleres e persoas con discapacidade

Tomiño segue a dar novos pasos no seu compromiso coa compostaxe. O Concello colabora con Adega (Asociación para a defensa ecolóxica de Galicia) no Curso Técnico de Compostaxe Descentralizada que organiza esta entidade de protección ambiental, co que se formará a profesionais nos diferentes procesos e temáticas de compostaxe, dende coñecer e determinar a calidade do compost e os seus usos a manexar composteiros domésticos e comunitarios.

“Somos un concello pioneiro na implantación da compostaxe e na descentralización da xestión dos biorresiduos, xa que o entendemos como a mellor forma de xestión deste tipo de resíduos. Queremos un municipio máis sostible, comprometido co noso medio natural, e camiñamos sempre da man dos nosos veciños e veciñas para acadalo. Pero esta formación tamén é unha aposta para favorecer a empregabilidade dos nosos veciños e veciñas, tan importante hoxe en día e fundamental para garantir o asentamento poboacional”, salientou a alcaldesa, Sandra González, durante a presentación do curso, na que estivo acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, e pola coordinadora da formación, María Amigo.

O curso, que comezará o vindeiro 3 de outubro, terá 100 horas de duración presenciais en horario de mañá cunha gran carga práctica con saídas de campo a empresas do sector orientadas sempre a controlar todos os aspectos dos proxectos de compostaxe descentralizada, podendo ser individual ou comunitaria, e a xestión sustentable dos residuos.

A formación é de balde e está dirixida especialmente a persoas en situación de desemprego, priorizando maiores de 45 anos, menores de 25, mulleres e persoas con discapacidade. Ademais, a inscrición no curso non está restrinxida a veciños e veciñas de Tomiño, senón que nel poden participar persoas de calquera municipio interesadas.

As prazas son limitadas, polo que se realizará unha selección previa, na que colabora a Técnica municipal de desenvolvemento local. Levarase a cabo na Escola Obradoiro de Goián e a inscrición deberá facerse a través dun formulario web ata o vindeiro 28 de setembro. O curso está financiado pola Fundación Biodiversidade e o Fondo Social Europeo no marco do Programa EmpleaVerde para 2021.

Esta nova formación complementa o traballo que se está a facer no ámbito da compostaxe dende o Concello de Tomiño e no que se están a obter “datos moi alentadores”, como sinala a concelleira de Medio Ambiente. Así, no ano 2021 o Concello xestionou nos 16 Centros de Compostaxe Comunitaria (CCC) de Tomiño 159 toneladas de biorresiduos e restos vexetais,  mentres que xa hai 2200 vivendas do municipio que empregan os composteiros individuais para a autocompostaxe.