O Concello de Tomiño contrata a 23 persoas desempregadas ao abeiro do Plan Concellos 2021 Entre as persoas incorporadas atópanse peóns de xardinería, albaneis ou electricistas, entre outras

 

O Concello de Tomiño vén de realizar un proceso de contratación de persoal municipal. As novas incorporacións producíronse ao abeiro da subvención concedida pola Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2021 na súa liña 3, destinada ao “emprego para a conservación de bens e servizos municipais”.

En total foron contratadas 23 persoas desempregadas con contratos que varían entre os 7 e os 9,5 meses de duración, que se foron incorporando gradualmente ao seu posto de traballo durante as últimas semanas unha vez foron concluídos os procesos de selección. 

Concretamente foron contratados un soldador de estruturas metálicas lixeiras; unha educadora social; unha bióloga; dous albaneis (un oficial de primeira e outro de segunda); doce peóns de xardinería; un condutor-operador de retroescavadora oficial de segunda; dous electricistas oficiais de primeira; un mecánico de mantemento e reparación de automoción xeral oficial de segunda e dúas técnicas administrativas.

En total, neste importante proceso de contratación foron investidos un total de 287.743,69 euros, dos cales 276.736,29 están subvencionados pola Deputación de Pontevedra, achegando o propio Concello os 11.107,40 restantes.

O que se publica aos efectos de cumprir coas obrigas de publicidade establecidas nas bases reguladoras e convocatoria do Plan Concellos 2021, Liña 3 publicadas no nº 1 do Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o 4 de xaneiro de 2021.