07 Feb O Concello de Tomiño contratará a 20 persoas desempregadas Cubriranse ata nove postos diferentes a xornada completa e os contratos terán unha duración de entre 6 e 9,5 meses
O Concello de Tomiño incorporará este ano ao seu persoal a 20 traballadoras e traballadores contratados a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra para a activación do emprego. Como sinala a alcaldesa, Sandra González, estas novas incorporacións “supoñen unha oportunidade laboral para os tomiñeses e tomiñesas que están nestes intres na busca de emprego ao tempo que permitirán reforzar e mellorar diferentes departamentos municipais que precisan máis persoal de forma puntual ou nos que se realizan traballos estacionais”.
Con estas contratacións cubriranse ata nove postos diferentes con persoal temporal contratado a xornada completa por un tempo de entre 6 e 9,5 meses de duración, dependendo do posto. Así, está prevista a incorporación de:
- 11 peóns de xardinaría (tres durante 9,5 meses e oito con contrato de 7 meses).
- 1 peón da construción (6 meses).
- 2 condutores/as-operadores/as de retroescavadora (un cun contrato de 8 meses de duración e outro de 6 meses).
- 1 instalador/a electricista en xeral (9,5 meses).
- 1 mecánico/a de mantemento e reparación de automoción en xeral (7 meses).
- 1 soldador/a de estruturas metálicas lixeiras (7 meses).
- 1 técnico/a administrativo/a en xeral (9 meses).
- 1 traballador/a social (7,5 meses).
- 1 enxeñeiro/a técnico/a forestal ou biólogo/a (6 meses).
As persoas candidatas deberán estar empadroadas en Tomiño, desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego, tanto no momento da sondaxe como no da contratación.
O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección das e dos aspirantes. Na selección terán preferencia persoas desempregadas de longa duración; mulleres con baixa cualificación; persoas con máis de 45 anos ou mozas, especialmente con baixa cualificación; persoas con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65% ou persoas con discapacidade que presenten maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, sempre que esta permita a realización das funcións propias do posto; vítimas de violencia de xénero; ou familias monoparentais con fillos a cargo.