Concello e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil investirán 1,5 millóns na creación dun sendeiro peonil no río Pego

O Concello de Tomiño dá novos pasos para a creación da senda do río Pego

O pleno aprobou por unanimidade o proxecto construtivo deste sendeiro fluvial, que ademais de xerar novos espazos de lecer permitirá mellorar a depuración no municipio

Tomiño dá novos pasos para que a senda do río Pego sexa unha realidade. O Concello aprobou por unanimidade en pleno o proxecto construtivo deste sendeiro fluvial, un proxecto realizado polo equipo técnico da Confederación Hidrográfica Miño-Sil buscando as mellores alternativas e que xa está en período de exposición pública para ser consultado pola veciñanza.

Esta aprobación marca o inicio dun proxecto que permitirá conectar o centro urbano co río Miño, dando á veciñanza a posibilidade de acceder á zona de ribeira a través dun sendeiro de gran valor natural e paisaxístico e cun reducido impacto ambiental, xerando novos espazos de lecer ao tempo que se mellora a depuración do municipio ao dar solución á problemática de saneamento do colector xeral que vai pegado ao Miño.

O seguinte paso será poñer a disposición os terreos, para o que o Concello redactará un proxecto de expropiacións no que se contemplará a cantidade de metros a expropiar, cales son os bens e servizos que pode haber en cada unha das parcelas e o valor dos terreos. O Concello realizará reunións coas veciñas e veciños afectados para presentar o proxecto construtivo definitivo e a valoración económica dos terreos.

Como sinalou a alcaldesa, Sandra González, “este é un proxecto moi interesante e importante para Tomiño, unha iniciativa no que levamos moito tempo traballando coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para poder cambiar o colector xeral e rematar coas infiltracións detectadas, reducindo as achegas de augas pluviais e de auga limpa procedente do río, o que mellorará moito a depuración. Pero tamén nos permitirá ofrecer á veciñanza un acceso directo ao Miño poñendo a disposición de tomiñeses e tomiñesas unha senda co mínimo impacto ambiental, con sinalización e que informe sobre a flora e a fauna da zona”.

Concello e Confederación Hidrográfica Miño-Sil asinaron un convenio de colaboración para o financiamento da construción da senda fluvial no río Pego e a renovación deste colector, que suporá un investimento de 1,5 millóns de euros do que Tomiño asumirá o 20% dos custos e a Confederación o 80% restante.

A nova senda transcorrería paralela ao río ao longo duns 3 km. dende a parroquia de Tomiño ata a desembocadura do Pego no Miño. Con este novo trazado conseguiríase dar continuidade á rede de sendas executadas nos últimos anos, e ao mesmo tempo, melloraríase a rede de saneamento da zona que conta con infiltracións procedentes de augas pluviais, dificultando os procesos de depuración na Estación Depuradora de Augas Residuais do Concello de Tomiño.

Trátase dunha ruta cun alto valor paisaxístico, histórico e turístico da comarca que recupera un antigo sendeiro, e que contribuirá tamén a difundir o patrimonio natural do concello, permitindo á xente a percorrer un espazo idóneo para a práctica deportiva.