O Concello de Tomiño dá os parabéns ao Club Deportivo Miño polo seu éxito na Taça Ibérica Os Teixugos gañaron un total de seis medallas na copa de Slálom de Vilanova de Cerveira

O Concello de Tomiño quere dar os parabéns ao Club Deportivo Miño polo seu éxito na emblemática Taça Ibérica de Slálom que se celebrou a pasada fin de semana en Vilanova de Cerveira. Máis de cen piragüistas se deron cita para disputar esta proba puntuable tanto para a Liga Galega como para a portuguesa. 

O Club Deportivo Miño acudiu cun total de once deportistas, que desfrutaron nas augas do Coura acadando un total de seis medallas. En categoría feminina, Laura Alonso, en K1 sénior; Ainhoa Barreiro, en K1 Júnior; e Alba Soutelo en C1 Júnior resultaron gañadoras nas súas respectivas probas. Alba e Ainhoa participaron por dobre partida, e ademais do ouro, Alba foi cuarta en K1 e Ainhoa bronce en C1.

En categoría masculina, Brais Castro, en C1 Sénior, fixo o segundo mellor tempo das finais, obtendo unha medalla de prata. Alexis Esperança, en K1 Júnior, alzouse co ouro, ao facer o mellor tempo na final. Na mesma categoría, Sergio Rodríguez, que tamén aspiraba ao podio, rematou cuarto e Mateo Álvarez quinto.  En K1 sénior, Emilio Rodríguez acabou vixésimo. En K1 cadete Adrián Lluch foi quinto, Antón Fernández décimo e Rui Malheiro décimo cuarto.  

Catro ouros, unha prata e un bronce foron o balance final de medallas para o club. Na clasificación final por equipos, o Deportivo Miño-Teixugos foi o gañador da proba, cun total de 214 puntos, compartindo podio co Tea de Mondariz con 168 e o Montaña Quixós de Monforte con 140.