O Concello de Tomiño estima en máis de 1 millón de euros os danos causados polo temporal de Ano Novo O goberno municipal solicitará un Plan de Axudas á Xunta e ao Estado para sufragar parte dos estragos

O concello de Tomiño vén de facer unha avaliación, dous días despois, dos danos producidos polas abundantes chuvias que caeron no concello o día de Ano Novo. Segundo os datos ofrecidos por Meteogalicia as chuvias acumuladas durante esa xornada ascenderon a case 126 litros por metro cadrado. Un récord absoluto dende que se teñen rexistros da estación meteorolóxica de Areas (Tui).

Esta imprevisible cantidade de chuvia fixo que se fundiran muros e camiños, que se moveran do sitio os peiraos do Miño e que parte da fortaleza de San Lourenzo de Goián se vise afectada.

Outra muralla que se derruba no entorno do Miño

A fortaleza de San Lourenzo data do séxulo XVII e está incluída nun sistema de fortalezas supramunicipal na contorna do Río Miño. A finalidade da súa construción era o uso da forza nun posible conflito con Portugal unha vez rematada a Guerra de Restauración no ano 1668. Aínda que, polas súas dimensións trataríase máis ben un elemento de control da fronteira fluvial.

O que se derrubou foi parte da reconstrución levada a cabo hai 20 anos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia con fondos europeos e que supuxo unha reforma emblemática en materia de fortalezas.

O Forte de San Lourenzo ten un forte valor simbólico no concello e ademais foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 1985. Por todo isto o concello de Tomiño solicitará da Xunta de Galicia e da administración do estado fondos para a reconstrución deste importante ben do patrimonio dos galegos e galegas.

A crecida do río no día 2 de xaneiro fixo que se desprendera un dos peiraos que están en torno ao Espazo Fortaleza. Dende o goberno local deuse aviso xa á Comandancia da Mariña polo perigo que pode supoñer para a navegación e agardan que o río baixe a súa crecida para tomar decisións respecto a este peirao con seguridade. Os outros peiraos que están no río atópanse en bo estado: peirao de persoas con discapacidade, Amorín e Sobrada.

Ademais da fortaleza, a praia de Goián e a senda do Miño quedaron totalmente cubertas polo efecto do temporal e da crecida, causando numerosas desfeitas en pasarelas e no propio pavimento. Polo momento non se recomenda o seu uso, xa que a madeira está moi esbaradiza e os danos son múltiples.

Solicitude de indemnizacións e posta a punto

O goberno local agarda que a Xunta poida sufragar parte dos estragos do temporal, xa que foron por unha causa de forza maior e van supoñer un forte imprevisto económico para as arcas municipais. Así mesmo, entende que toda a tramitación de permisos de patrimonio, confederación, etc. para reparacións debería abrirse unha vía de urxencia dado o perigo que pode supoñer algunha situación de manterse no tempo.