O Concello de Tomiño inicia un estudo para atraer novos clientes ao mercado O estudo iniciarase hoxe coa realización de enquisas a pé de rúa

O Concello de Tomiño porá en marcha un estudo de campo co que detectar os factores que permitan achegar novos clientes ao seu mercado municipal, o único que conta actualmente co selo de excelencia concedido pola Xunta de Galicia. A realización do estudo comezará hoxe 20 de outubro e consistirá na realización de enquisas a pé de rúa entre a veciñanza de Tomiño.

Malia que o período de confinamento conseguiu atraer novos clientes ao mercado, moitos destes non continuaron optando por este espazo para realizar as súas compras unha vez finalizado o estado de alarma. Ante esta situación, desde a xerencia do Mercado de Tomiño decidiu, logo de contactar e visitar de maneira periódica aos praceiros, realizar un estudo que permita coñecer os motivos da non continuidade nos hábitos de compra por parte de moitos clientes, ademais de indagar na oportunidade de atraer novos consumidores.

Espérase que o estudo sirva dea as claves que permitan orientar a formación e o asesoramento dos praceiros, así como para explorar a posibilidade de ofrecer novos servizos que permitan a compra a aqueles clientes que non poden comprar no mercado por unha incompatibilidade de horarios ou outros motivos.

O estudo será realizado pola empresa Coto Consulting S.L. e será financiado nun 50% a través da subvención concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o proxecto “Impulso Mercados Excelentes”, aportando o Concello de Tomiño o outro 50%.