O Concello de Tomiño lamenta a desinformación do Partido Popular con respecto ao expediente pola entrega dun vehículo alugado con gasóleo agrícola

O Concello presentou as alegacións pertinentes ante a Axencia Tributaria, nas que se recollen os datos da investigación aberta dende a propia administración local

O Concello ten un contrato cunha empresa subministradora de gasóleo cun estrito protocolo para a repostaxe da frota municipal que seguen as e os traballadores municipais

Ante as últimas informacións difundidas por parte do Partido Popular sobre unha sanción por uso de gasóleo agrícola no parque móbil municipal, o Concello lamenta a desinformación trasladada á veciñanza en lugar de defender os intereses de Tomiño e dos tomiñeses e tomiñesas.

O Concello presentou ante a Axencia Tributaria as alegacións pertinentes á proposta de sanción, xa que conta cunha frota de máis de 30 vehículos en propiedade nos que se aplica un estrito protocolo para a súa correcta repostaxe. O Concello quere defender a honorabilidade dos e das traballadoras municipais, que aplican de forma estrita este protocolo no seu día a día e en ningún momento subministraron gasóleo agrícola nun vehículo municipal. Ademais, non está rexistrado en ningunha das facturas presentadas pola empresa subministradora, polo que o Concello de Tomiño non pode ser cualificado como infractor.

Tal como recolle o documento de alegacións, o Concello abriu unha investigación dos feitos acontecidos na que se recolle que o vehículo non forma parte da frota municipal e está alugado de luns a venres. Identifícase á persoa que empregou o vehículo durante a fin de semana, que confirmou ser a responsable de introducir o gasóleo agrícola no vehículo que o luns foi devolto ao Concello. Polo tanto, queda demostrado que foi esa persoa a que cometeu a infracción e non o Concello, que só recepcionou o vehículo con total descoñecemento da infracción.

O Goberno local lamenta que, a pesar de serlle remitido a información deste expediente de alegacións, o Partido Popular continúe difamando ao seu propio concello ben ocultando información de forma plausible ou ben por descoñecemento do proceso administrativo. Lamenta ademais que as declaracións feitas polo PP poidan danar de forma irreparable a imaxe das e dos funcionarios públicos e das e dos traballadores municipais.

O Concello de Tomiño emprenderá accións xurídicas para recurrir a proposta de sanción de 700 euros en caso de que a Axencia Tributaria continúe trasladando ao Concello unha responsabilidade que non ten.