Cartaz O Concello Escoita 2022

O Concello de Tomiño lanza unha nova edición do Programa “O Concello escoita” que busca implicar á poboación na gobernanza do municipio O programa estaba previsto para o 2020 pero finalmente non puido celebrarse pola pandemia

“O Concello escoita” regresa a Tomiño e busca xerar un espazo de encontro e de conversa entre o goberno local e a poboación, no que os tomiñeses e tomiñesas poidan achegar as súas inquedanzas e ideas, propoñer melloras ou compartir opinións en positivo que axuden a deseñar un futuro mellor para Tomiño.

Este programa de participación do concello, que xa é un clásico tras varias edicións, estaba previsto e programado para o 2020, pero non se puido celebrar por mor da crise sanitaria provocada pola pandemia de Covid19, e agora por fin poderá celebrarse.

A presente edición de “O Concello escoita” estrea formato e evoluciona na busca de espazos abertos, de sombra, á tardiña, coa intención de celebrar cada encontro nun espazo agradable, cómodo e distendido, e que a conversa poida levarse a cabo sen renunciar ao desfrute da tarde e mesmo a tomar algo naqueles lugares nos que se dispoña de bar ou cantina. “Búscase adaptar este programa tan icónico de Tomiño ao novo tempo que vivimos, buscando un xeito de facer que sexa máis apetecible para as persoas, que apeteza achegarse, tomar algo e charlar entre todos e todas propondo ideas para deseñar e construír o Tomiño presente e futuro ” sinala Agustín González, Concelleiro de Participación Veciñal e Lecer.

Dende o 30 de maio até o remate do programa o 16 de xuño, “O Concello Escoita” percorrerá as 15 parroquias de Tomiño. “Para nós é fundamental estar en contacto estreito coa poboación, e se ben é certo que gobernamos con permanente escoita activa e moi preto das veciñas e veciños, este programa é unha oportunidade para parar, charlar coas veciñas e veciños que participen e, entre todos, pensar no Tomiño que queremos, e poñer en común que pasos estamos dando cara a ese futuro que desexamos todas as persoas que nos sentimos orgullosos de ser e vivir en Tomiño” destaca a alcaldesa, Sandra González.

Para participar non se require inscrición previa, basta con achegarse até o punto de encontro na data e hora correspondentes.

 

MAIO

Luns 30

20:00h – Sta. María de Tebra (Centro Cultural)

21:30h – Vilameán (Torreiro de festas)

 

Martes 31

20:00h – Taborda (Torreiro de festas)

21:30h – S. Salvador (Centro Cultural)

 

XUÑO

Mércores 01

20:00h – Amorín (Torreiro de festas)

21:30h – Currás (Torreiro)

 

Luns 06

20:00h – Figueiró (Praza)

21:30h – Estás (Centro Social)

 

Martes 07

20:00h – Piñeiro (Torreiro)

21:30h – Sobrada (Centro Social)

 

Luns 13

20:00h – Pinzás (Nave das vaquiñas de Pinzás)

21:30h – Barrantes (Pavillón)

 

Martes 14

21:00h – Forcadela (Casa dos mestres)

 

Mércores 15

21:00h – Tomiño (Mercado 1º andar)

 

Xoves 16

21:00h – Goián (Praza)