O Concello de Tomiño pon en marcha o Circuíto Cultural 2021 O orzamento destina unha partida de 14.000 euros para a promoción e fomento das actuacións dos grupos de musica tradicional tomiñeses

O Concello de Tomiño vén de publicar as bases do “Circuíto Cultural” 2021 co obxectivo de promocionar un ano máis as agrupacións musicais tradicionais do municipio. Aquelas asociacións que cumpran cos requisitos poderán ser contratadas por un terceiro tendo unha parte da súa retribución económica aboada pola administración local.

Desde o Concello entenden a cultura como unha práctica social construída no diálogo e na comunidade, entendendo a cidadanía non só como unha mera espectadora e consumidora, senón como suxeito activo que participa na creación cultural. “A creación e interpretación da música tradicional é un ben inmaterial que coñecemos, gozamos e que é necesario coidar. Asumimos como responsabilidade impulsar a creación de novas agrupacións relacionadas co folclore musical local ofrecendo unha liña de axudas que permita o descubrimento e contratación das mesmas”, afirman desde o goberno local.

Poderán solicitar a inclusión no Circuíto Cultural as seguintes agrupacións: bandas de música, corais, bandas de gaitas, treboadas, pandereiteiras, murgas ou charangas e grupos de acordeóns. As Comisións de Festas e outras entidades organizadoras deberán poñerse en contacto coas agrupacións que aceptaron participar no Circuíto Cultural para contratalas e concretar a data da actuación, sendo exclusivamente un acordo entre as dúas partes.

CONTÍA MÁXIMA E CRÉDITO ORZAMENTARIO

As contías máximas dos distintos tipos de agrupación con sede social en Tomiño son as seguintes:

  • Banda de Música 400,00 €
  • Corais 200,00 €
  • Bandas de gaitas (con máis de 30 compoñentes) 300,00 €
  • Grupos de Gaitas 200,00 €
  • Treboadas 200,00 €
  • Pandereteiras 150,00 €
  • Murgas ou Charangas 150,00 €
  • Grupos de Acordeóns 150,00 €

O crédito orzamentario total comprende o gasto por importe de 14.000€ con cargo á partida 334.226.99 do vixente orzamento.

As solicitudes poderán ser presentadas a través da Sede Electrónica do Concello de Tomiño ata o 2 de decembro de 2021, sendo este o único xeito válido de presentación para as asociacións. O modelo de solicitude está dispoñible na Sede Electrónica, accesible a través da ligazón https://tomino.sedelectronica.gal/dossier.1

O prazo de presentación das solicitudes será cunha antelación mínima de 30 días á data da actuación solicitada. Toda aquela solicitude que sexa presentada fóra de prazo poderá ser desestimada.

BASES CIRCUITO CULTURAL 2021