
19 Mai O Concello de Tomiño pon en marcha o programa “UP+ UN PASO MÁIS”
A acción vai dirixida a futuros emprendedores e a empresarios que desexen mellorar a competitividade do seu negocio
O concello de Tomiño a través da súa Oficina de Desenvolvemento Local pon en marcha o programa “UP+ Un paso máis”; un proxecto que ten como finalidade apoiar o autoemprego creando unha rede de colaboración entre as empresas do municipio.
O Concello de Tomiño, xunto cunha consultora especializada en recursos humanos e rendemento, desenvolverá varias accións co propósito de dinamizar, estimular e orientar a moitos cidadáns e empresas locais, a través de iniciativas eficaces de autoemprego, pondo en valor ao mesmo tempo, os coñecementos que teñen os empresarios e autónomos existentes na localidade.
O programa, dirixido a un máximo de 25 futuros emprendedores ou empresarios que desexen mellorar a competitividade do seu negocio, fíxase coma obxectivos concretos:
- Axudar ao impulso emprendedor de persoas que teñen ideas.
- Impulsar o espírito e acción emprendedora nas persoas que teñen calidades pero carecen de ideas de negocio.
- Apoiar o desenvolvemento e a mellora da competitividade das empresas locais participantes. Empresas que poden estar nunha situación de vulnerabilidade interna e externa.
Poderase participar, a través de dúas vertentes; por un lado coma empresa, en todas ou algunha das seguintes modalidades:
- Como provedor de formación a outras empresas ou emprendedores.
- Presentando a súa experiencia emprendedora, ante os demais participantes no proxecto.
- Asistindo a charlas doutras empresas ou sesións de coaching grupal.
Por outro lado, coma participante, asistindo ás seguintes accións: formación para o autoemprego; consultoría e seguimento personalizado, coaching individual e grupal, e elaboración do proxecto de empresa.
As persoas interesadas en participar neste programa (máximo de 25), coma empresa ou coma particular, deben cubrir a ficha de inscrición correspondente, que se pode descargar no apartado de Emprego (Actividades e outras ofertas) da páxina web do Concello de Tomiño www.concellotomino.com, e remitila ao enderezo electrónico tle.tomino@eidolocal.es, ou ben entregala fisicamente no Concello, ata o 23 de maio de 2014.
Aqueles cuxo perfil sexa seleccionado, acudirán a unha xuntanza de presentación do programa, nunha data que lles será comunicada persoalmente.