O Concello de Tomiño pon en marcha unha nova campaña para o fomento do galego, con Rosalía de Castro como protagonista Esta consistiu no reparto polos comercios locais de pegatinas e resmas de papel de regalo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Tomiño vén de por en marcha, un ano máis, unha campaña que ten como obxectivo o fomento do galego.

Nesta ocasión, realizouse un reparto polos diferentes comercios locais de pegatinas cheas de cor e con bonitas mensaxes para agasallar como “Arrecende Agarimo”, “Parabéns” ou “Comprado en Tomiño con xeitiño”.

Ademais, estas estaban acompañadas tamén da entrega de resmas de papel cun deseño no que estaban escritos algúns dos versos máis emblemáticos de Rosalía de Castro.

Conseguindo deste xeito que aqueles veciños e veciñas que merquen un regalo nestes días, poidan levarse un bonito envoltorio cargado de mensaxe e reivindicación.

Unha campaña que se pon en marcha porque, tal e como explica a concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, “é necesario, ante a progresiva perda de falantes da nosa lingua, que todas as institucións colaboremos para evitar que o galego caia no esquecemento.”