Momento do pleno celebrado en Tomiño en xullo de 2024

O Concello de Tomiño renova o seu compromiso co programa educativo EncaixaT O  pleno aprobou a renovación do convenio de colaboración con Aldeas Infantiles para a continuidade do proxecto, que este curso atendeu a 27 menores

O Goberno municipal tamén deu luz verde a unha moción de apoio a doentes de ELA e as súas familias

Tomiño continúa o seu labor como referente en políticas de infancia e adolescencia. O Goberno municipal aprobou en pleno a renovación do convenio de colaboración con Aldeas Infantiles para dar continuidade ao proxecto educativo EncaixaT – Centro de Proximidade, un programa pioneiro que implica unha atención integral atendendo ás necesidades educativas, ao apoio psicolóxico e incluíndo ás familias para que a rapazada tomiñesa poida vivir integrada e feliz na súa contorna.

Como explica a alcaldesa, Sandra González, con esta iniciativa o Concello continúa amosando o seu compromiso coa infancia e a adolescencia “coordinando recursos e fomentando sinerxías para prestar un servizo que non só permita atender ás necesidades de cada neno e nena pensando no que precisa e nas características familiares e da contorna, senón que nos permitirá achegar recursos ás e aos usuarios evitando que teñan que desprazarse fóra de Tomiño e favorecendo a súa inclusión social”.

Deste xeito, o Goberno municipal aprobou un convenio polo que se destinará un orzamento de 18.000 euros a este proxecto para o vindeiro 2024/2025, aos que se suman outros 19.000 euros que achega Aldeas Infantiles. Ao longo do curso 2023/2024 pasaron polo programa 27 menores e 22 familias. Ambos os dous grupos acoden cinco días á semana durante dúas horas nos que se combina apoio escolar con  actividades de lecer, prestando ademais apoio psicolóxico nos casos necesarios.

EncaixaT é un centro de proximidade “co que se busca mellorar a igualdade de oportunidades dos e das menores en situación de risco e vulnerabilidade que forman parte do Servizo de Educación e Apoio Familiar (SEAF) e consígueo a través dunha metodoloxía de intervención innovadora, con atención integral a infancia e mocidade, tendo sempre en conta as súas necesidades de apoio escolar, lecer educativo e apoio psicolóxico para mellorar as súas condicións de vida e a das súas familias”, como salienta o concelleiro de Benestar Social, Rubén García.

Lei ELA

Por outra banda, o Goberno municipal mostrou o seu máis rotundo apoio ás persoas con ELA, doentes que non só precisan unha estrutura forte e comprometida de apoio humano para unha atención 24 horas do ou da enferma, senón que  implica unha alta carga económica a causa da dependencia enerxética, a tipoloxía e a duración dos coidados necesarios, os produtos de apoio básicos para a vida diaria ou a reforma e adaptación dos fogares.

O pleno aprobou unha declaración institucional de compromiso coas persoas doentes para colaborar na medida do posible cos e coas enfermas de ELA e coa Asociación Galega de Afectados pola Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA), así como apoiar de forma pública a reivindicación legal dunha lei integral que defenda os intereses do colectivo. O Concello de Tomiño instará ademais ao Goberno estatal a tramitación preferente, urxente e prioritaria que recolla as achegas para que a futura Lei ELA garanta esa atención integral ás e aos paciente e á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra a ter en conta as necesidades de doentes e familias ao implementar políticas que poidan incidir na mellora da súa calidade de vida.