cortouse

O Concello de Tomiño solicita a colaboración cidadá para reclamar unha mellor cobertura móbil Nas áreas afectadas pola deficiencia do servizo viven case 7.000 veciños, a metade da poboación municipal

O Concello de Tomiño iniciou un proceso para reclamar fronte a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e fronte á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) os problemas que desde xa fai un tempo o municipio sofre en materia de cobertura móbil.

Na actualidade existen 24 zonas onde o servizo está sendo totalmente deficitario, chegando nalgunha delas a haber unha total ausencia de cobertura, o que supón grandes prexuízos tanto para a veciñanza como para as empresas instaladas, especialmente nun contexto de pandemia no que o teletraballo aumentou considerablemente. Estas zonas supoñen un total de 6.719 veciños empadroados, case a metade da poboación do concello, algo que afecta tamén a todo aquel que transite ou se desprace a estas áreas.

Ante esta situación, o Concello de Tomiño decidiu elevar unha queixa aos organismos pertinentes, para o cal solicitou a colaboración de toda a veciñanza co fin de redactar unha denuncia o máis detallada posible. Para isto habilitouse un formulario de recollida de datos a través do cal as persoas que estean experimentando problemas relacionados coa cobertura móbil poderán explicar o seu caso, especificando o operador telefónico da persoa que fixo a chamada e da que a recibiu, o lugar no que se produciu o corte ou o día e a hora no que aconteceu. Pódese acceder ao formulario a través da ligazón https://tomino.gal/cortouse/

Os problemas relacionados coas fallas no servizo de cobertura móbil veñen xa de lonxe, pero víronse agravados desde o inicio da pandemia, onde o uso de internet se fixo máis necesario. O pasado mes de setembro o Concello xa se dirixiu á subdelegada do Goberno en Pontevedra, Mª Carmen Larriba García, e ao xefe territorial da Consellería de Economía e Industria, Ignacio Rial Santomé, explicándolles a situación pola que o municipio atravesa, con fin de lograr unha solución a un problema que cada vez é peor.