O Concello de Tomiño traballa na construción do primeiro pantalán 100% accesible do Miño O proxecto contempla unha rampla que permita embarcar e desembarcar ás persoas con diversidade funcional polos seus propios medios

O Concello de Tomiño e a Axencia de Turismo de Galicia veñen de asinar un convenio de colaboración para a construción dun pantalán na zona de Goián que facilite o acceso das persoas con diversidade funcional ao espazo natural do Miño.

Trátase do primeiro pantalán cento por cento accesible que garante a autonomía das persoas con diversidade funcional para embarcar ou desembarcar, xa que todas as infraestruturas deseñadas ata o de agora nos tramos navegables do río soamente son accesibles con mareas medias ou altas, deixando con marea baixa pendentes de ata o 45%.

Cun orzamento de 161.000 euros, a través deste convenio estase a construír unha rampla e pantalán que cumpra todas as medidas de ángulo, caída e ancho necesarias para facilitalo acceso das persoas con diversidade funcional á parte baixa do río Miño e ao seu estuario. Coa base xa feita e a estrutura a piques de colocarse, as obras de construción rematarán a principios de decembro.

Este proxecto levouse adiante coa colaboración da Asociación de Persoas con Discapacidade Vontade, unha organización sen ánimo de lucro que busca procurar a este colectivo os recursos necesarios para fomentar a súa autonomía e autorrealización, e do Club Sen Amarras, que traballa pola inclusión das persoas con mobilidade reducida no ámbito dos deportes náuticos.