O Concello de Tomiño volve pechar o ano cun balance económico positivo

O Concello de Tomiño volve pechar o ano cun balance económico positivo O orzamento municipal de 2022 cerrouse cun superávit de 1,2 millóns de euros e un remanente de tesourería de 2 millóns

As contas reflicten a eficiencia na xestión económica do Goberno municipal

O Concello de Tomiño pechou o ano 2022 cun balance económico moi positivo. A alcaldesa, Sandra González, resaltou o gran resultado do exercicio orzamentario do ano pasado que se cerrou cun superávit de máis de 1,2 millóns de euros, unhas contas que reflicten “a economía saneada coa que conta Tomiño” e que se levan a pleno esta semana.

Outro dos indicadores deste bo momento da economía de Tomiño é o Período Medio de Pago a Provedores, xa que o ano pasado o Concello tardou unha media anual de 13,21 días en pagar as facturas e durante este ano estanse facendo os pagos semanalmente. Actualmente o Concello dispón en tesourería de máis de 3,2 millóns de euros.

Estes datos compleméntanse co remanente de tesourería rexistrado en 2022, de case dous millóns de euros, uns aforros dos que 600.000 permitirán financiar proxectos xa previstos durante o ano pasado, así como para unha obra de emerxencia e para achegar a parte correspondente do Concello das subvencións acadadas para mellorar a eficiencia enerxética e para o comercio.

O ano 2022 o Concello liquidou o seu orzamento municipal con 11 millóns de euros, moi por riba dos 8 millóns aprobados inicialmente e aos que se sumaron os fondos externos captados a través de diferentes axudas coas que seguir avanzando en novos proxectos de futuro de Tomiño.

“Estas contas amosan a eficiencia da xestión económica que se está a desenvolver dende o Goberno municipal, que xa pechou o exercicio orzamentario de 2021 cun superávit de máis de 1,4 millóns de euros. Unha xestión responsable que garante unha axeitada prestación dos servizos municipais, mantendo unhas contas saneadas, equilibradas e con capacidade financeira para facer fronte ás obrigas e para afrontar novos investimentos”, como destaca a rexedora.