O Concello entrega as primeiras plantas da nova edición da campaña ‘Enche o teu monte de vida autóctona’

O Concello entrega as primeiras plantas da nova edición da campaña ‘Enche o teu monte de vida autóctona’ A campaña busca contribuír a repoboar as 850 hectáreas de franxas secundarias nas que se require unha correcta xestión da biomasa para previr incendios

Tomiño volve encher o monte de vida autóctona. Ao abeiro da campaña co mesmo nome, o Concello fixo entrega dos primeiros exemplares de plantas forestais frondosas e autóctonas aos propietarios e propietarias de parcelas nas franxas secundarias que xa solicitaran as súas árbores.

Foron os primeiros lotes de cerdeiras, nogueiras, érbedos, castiñeiros, carballos, sobreiras, aciñeiras e bidueiros dos 1800 que se entregarán ao longo das vindeiras semanas. Usuarios e usuarias recollían esta mañá cada árbore con ilusión e valorando moi positivamente esta iniciativa coa que o Concello procura contribuír a repoboar as máis de 850 hectáreas de franxas secundarias nas que as persoas propietarias deben realizar unha xestión correcta da biomasa e onde, segundo a Lei de prevención de incendios forestais, está prohibida a existencia de árbores como pino, eucalipto ou acacia.

 

“A boa acollida da edición anterior animounos a seguir con esta campaña coa que achegamos o noso gran de area, non só concienciando á veciñanza da importancia e dos beneficios de plantar especies frondosas autóctonas, senón tamén ofrecendo alternativas e recursos para repoboar zonas nas que as persoas propietarias tiveron que cortar os exemplares cos que contaban”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.

As persoas titulares das 13.200 parcelas de franxa secundaria do Concello de Tomiño que teñan a biomasa correctamente xestionada poden solicitar xa as plantas para a súa parcela directamente no departamento de Medio Ambiente, con preferencia a aqueles veciños e veciñas que non levaran árbore o ano pasado e que pertenzan ás dúas parroquias consideradas prioritarias polo risco de incendio (Forcadela e Tomiño). Aqueles propietarios e propietarias que xa recibiron frondosas autóctonas na pasada edición da campaña poderán volver solicitadas e quedarán en lista de agarda.