O Concello forma a dez persoas desempregadas no manexo de plataformas dixitais Durante 15 horas, as participantes aprenden a moverse por internet para acceder a procesos selectivos de emprego, elaborar currículos online ou manexar as nubes

“Recursos dixitais para a busca de emprego” é o curso de 15 horas organizado polos departamentos de Benestar Social e Orientación Laboral do Concello de Tomiño, co obxectivo de formar a dez persoas desempregadas usuarias dos servizos, os manexo das principais plataformas útiles para a busca de traballo (Linkedin, Infojobs, Randstad, Adecco, etc.), ou aquelas propias de empresas con procesos de selección abertos.

O obxectivo do Concello é o de dotar ás persoas usuarias dos servizos sociais de ferramentas dixitais que lles permitan acceder ao mercado laboral. “Hoxe en día, a maioría das ofertas e demandas de emprego realízanse a través de internet; e se non manexamos as plataformas online non podemos acceder en igualdade de condicións que outros colectivos”, explica a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación, Cristina Martínez.

As dez persoas seleccionadas polos servizos de Benestar e Orientación son na súa grande maioría mulleres de mediana idade que levan en paro moito tempo. Durante a semana pasada, tiveron que acudir ás instalacións da Aula CeMit de Tomiño para recibir as clases impartidas por unha academia especializada. Unha media de 3 horas por día, nas que aprenderon como moverse polas distintas redes e plataformas ou presentar a súas candidaturas. Elaborar un currículo online e manexar nubes para a xestión de datos persoais, foron outros dos aspectos abordados.

Este mediodía celebrouse no Salón de Plenos do Concello a clausura e entrega de diplomas. Presidiu o acto a alcaldesa Sandra González, acompañada da concelleira de Benestar Social e da orientadora laboral do Concello.

   

Entre as alumnas que recibiron o seu diploma, atopábase Laura González, veciña de Goián, ama de casa en paro, con dous fillos de 13 e 7 anos, que fixo o ciclo superior de FP administrativo, pero debido ás obrigas familiares e problemas de saúde non puido traballar nos últimos anos. Este curso foi para ela decisivo na súa reciclaxe no mercado laboral e tras os primeiros intentos de atopar emprego a través de internet, xa ten a súa primeira entrevista en Baiona.

Un caso similar é o de María Pérez (veciña de Tomiño centro), moi contenta co curso, sobre todo, por poder agora moverse polas páxinas de supermercados e outras empresas con ofertas de traballo. Licenciada en filoloxía francesa, traballou en atención ao público e recepcionista, pero quedou no paro en decembro do 2020.