O CONCELLO INSTALA UNHA CALDEIRA DE BIOMASA EN DEPENDENCIAS MUNICIPAIS As dependencias da Policía Local, Protección Civil e o Edificio de Benestar foron beneficiados con esta renovación

O Concello de Tomiño renova a caldeira da Policía Local, Protección Civil e o Edifcio de Benestar. Substituíuse a caldeira de gas propano existente por unha nova de biomasa, co obxectivo de reducir as emisións de carbono e mais o consumo de enerxía eléctrica en, polo menos, un 30%.

Esta actuación, cun orzamento total de case 40.000 euros, levouse a cabo no marco dun acordo de colaboración coa Deputación de Pontevedra, e forma parte do proxecto IDAE, cun financiamento do 80% Programa Operativo FEDER de Crecemento Sostible 2014-2020. A finalidade deste Programa é favorecer o paso a una economía baixa en carbono nas entidades locais.

A mellora no sistema térmico destas dependencias municipais é un avance máis no Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) que o Concello de Tomiño botou a andar no ano 2020. O seu obxectivo é reducir as emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030, aumentar a capacidade de resiliencia do Concello minimizando o consumo enerxético, e incrementar o uso de enerxías renovables.

Con estas medidas, Tomiño avanza tamén no cumprimento do seu plan de Implementación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.