
29 Xul 2022 O Concello lanza unha campaña para que os comercios ofrezan papel de agasallo en galego O deseño baséase en palabras en galego cun denominador común: sentimentos que pode provocar un agasallo, tales coma gratitude, ledicia, ánimo, simpatía, sorriso, tenrura ou benquerer, entre moitas outras
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Tomiño vén de lanzar unha campaña para que os comercios da vila utilicen e ofrezan un papel de agasallo con palabras en galego.
Con esta finalidade, o servizo procedeu á entrega de resmas de papel ás casas comerciais que venden produtos susceptibles de agasallar.
O deseño baséase en palabras en galego cun denominador común: sentimentos ou sensacións positivas que pode provocar un agasallo, tales coma gratitude, ledicia, ánimo, simpatía, sorriso, tenrura ou benquerer, entre moitas outras.
“A campaña o que pretende, evidentemente, é fomentar o uso do galego. Anteriormente fixemos outra con adhesivos en galego, e este ano cambiámola polas resmas de papel”, explica Ani Fernández Carrera, concelleira de Cultura e Normalización Lingüística.