O Concello lembra a necesidade dun uso responsable da auga ante a situación de seca A situación hidrolóxica anómala levou ás autoridades a impulsar un plan de emerxencia que conciencie á cidadanía sobre as consecuencias negativas derivadas desta circunstancia

O Concello de Tomiño quere recordar á veciñanza a necesidade dun uso responsable da auga ante a actual situación de seca. A situación hidrolóxica anómala derivada das escasas precipitacións, que a día de hoxe están un 41% por debaixo da media histórica, levou ás autoridades a insistir na necesidade de concienciar sobre a ameaza que supón para todos e todas esta circunstancia.

Así pois, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil alertou de que os encoros da demarcación se atopan ao 53,02% da súa capacidade máxima, o que supón un 7,16% menos da cantidade de auga embalsada hai un ano.

Ante estes datos, a Confederación incide na necesidade de intensificar as medidas de concienciación, aforro, control, seguemento e xestión por parte dos concellos, de xeito que o uso da auga se limite ao estrictamente necesario, ademais de prestar especial atención ás perdas que se puideran producir nas redes de abastecemento.

Pola súa banda, o Consorcio de Augas do Louro reitera o cumprimento do Plan de Emerxencia Contra a Seca do Consorcio para a Xestión do Ciclo Urbano da Auga do Louro. Entre as medidas de carácter xeral atópanse a redución de fugas e control de consumos nas redes municipais, o control de presións e a concienciación cidadá no ámbito territorial da súa competencia, especialmente no que respecta á redución de consumo de auga no rego de xardíns, piscinas e baldeo de rúas.

Ademais, as medidas específicas do Consorcio inclúen a solicitude de redución de consumos a grandes consumidores, o peche de sectores de rego de campos de fútbol, parques e xardíns, piscinas municipais, etc., e o corte no subministro nocturno en redes extensas sen abonados ou abonadas ao servizo.

Pola súa parte, o organismo Augas de Galicia xa alertara previamente do Estado de Prealerta Hidrolóxica ante a situación de seca na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa, aprobado o 7 de febreiro. As medidas impulsadas no estado de prealerta viñan ratificar o recentemente exposto, en canto que se requería o incremento do control dos usos e detraccións do recurso e dos usos a nivel dos concellos ou sistemas de abastecemento, así como a concienciación cidadá. Esta última poderá comunicar as incidencias ao correo planseca.augasdegalicia@xunta.gal.

O organismo tamén destacou a importancia de que as administracións dispoñan dun Plan Municipal de Emerxencia ante Situacións de Seca, pois a súa disposición é obrigatoria para as administracións públicas responsables de sistemas de abastecemento urbano.

Así e todo, en canto que o uso responsable da auga é cousa de todas e todos, importante sempre, pero máis aínda en períodos coma este, as medidas a tomar por cada cidadán ou cidadá inclúen: asegurarse de pechar ben a billa; tamén mantela cerrada mentres se cepillan os dentes ou se enxaboa o cabelo; empregar a ducha en lugar da bañeira; non usar o inodoro de papeleira e tirar da cisterna só cando sexa preciso; usar a lavadora e lavavaixelas a plena carga; lavar as froitas e verduras nun recipiente e non baixo a billa (esta auga pódese aproveitar para regar) e avisar de posibles perdas.

Con todo, o Concello quere incidir na necesidade de implicarse colectivamente na emerxencia medioambiental ocasionada pola seca, pois as súas consecuencias son e serán negativas para toda a veciñanza por igual.