O Concello reparte máis de 350 litros de compost e 100 plantas no posto de compostaxe do Biomercado Este venres 4 de outubro instalarase o stand informativo durante o mercado semanal celebrado no casco urbano de Goián

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Tomiño, seguindo as liñas do Plan Revitaliza ao que o municipio está adherido dende 2016, puxo a disposición da veciñanza un stand informativo sobre compostaxe durante a quinta edición do Biomercado, celebrado na Praza do Seixo o pasado domingo 29 de setembro.

Durante toda a xornada as e os Mestres Composteiros do Concello de Tomiño e da Deputación de Pontevedra informaron á veciñanza do novo plan de compostaxe que comeza a desenvolverse no municipio. Este programa inclúe a entrega en cesión de composteiros domésticos para as persoas con casa e terreo, a instalación de composteiros comunitarios para os cascos urbanos e a posible posta en marcha de puntos verdes destinados á recollida dos residuos orixinados polas podas en casas particulares.

Este posto informativo contou unha importante afluencia de veciños e veciñas durante todo o día e nel entregáronse ás persoas visitantes un total de 350 litros de compost do centro de Compostaxe Comunitario de Goian, máis de 100 plantas e diversos materiais informativos. Ademais, varias persoas achegáronse ata o stand e se inscribiron para ter composteiros na súa casa.

Nesta mesma liña, o próximo venres 4 de outubro, instalarase de novo este posto informativo, durante o mercado semanal celebrado no casco urbano en Goián. O obxectivo é seguir informando e concienciando á veciñanza e, á vez, inscribir a veciños e veciñas interesados en realizar compostaxe.



X