
11 Abr O CONCELLO REPITE O PROGRAMA “É APRENDER” COA FINALIDADE DE COMBATIR O ABANDONO ESCOLAR
A actividade é totalmente gratuíta para os usuarios e usuarias, que recibirán tamén apoio psicolóxico
O Concello de Tomiño volve a lanzar o programa de reforzo escolar “É Aprender, unha sociedade que educa”, coa intención de contribuír a mellorar o rendemento e loitar contra o abandono escolar do alumnado de ESO, de 12 a 16 anos do municipio.
Con este fin, a Alcaldía de Tomiño, vén de enviar case 700 cartas aos domicilios de rapaces e rapazas destas idades, nun intento de asegurar que as misivas cheguen directamente ás familias. Nesas cartas, explícase a iniciativa, consistente na oferta, de balde, de espazos educativos de reforzo escolar nas parroquias de Estás, Piñeiro, Currás e Tebra, dúas veces á semana, dúas horas cada día. Estes espazos estarán atendidos por persoas do voluntariado local, preparadas para estas tarefas e que están a recibir un curso de coaching.
O programa consta tamén da contratación por parte do Concello dun servizo externo de psicoloxía, que atende aos usuarios e usuarias e ás súas familias, un día á semana, de xeito totalmente gratuíto.
O número de prazas será limitado, polo que será necesario realizar unha selección previa entre o alumnado interesado.
Por outra banda, as persoas interesadas en unirse ao grupo de voluntariado local, poderán facelo, contando coas seguintes vantaxes:
- Poderán acreditar de xeito oficial a súa experiencia, segundo o establece a “Lei de acción voluntaria de Galicia”.
- Terán descontos do 50% en cursos organizados polo Concello.
- Formación específica e coaching.