O Consello da Infancia de Tomiño organiza no IES unha exposición sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible A presidenta do consello tomiñés, explicou que a actividade tivo moi boa aceptación por parte da comunidade educativa

O Consello da Infancia e da Adolescencia “Voces Novas” de Tomiño foi o encargado de montar no IES Antón Alonso Ríos, a exposición “ODS, moito + que unhas siglas”, sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) integrados dentro da Axenda de Desenvolvemento Sustentable 2030, promulgada pola ONU (Organización das Nacións Unidas) e adoptada en 2015 por 193 países.

A mostra, achegada por Unicef Galicia e montada no salón de usos múltiples do instituto, reúne unha vintena de paneis cos 17 obxectivos que a comunidade internacional ten que alcanzar para todas as persoas, facéndoo dunha forma sustentable e con equidade. A presidenta do consello tomiñés, Sofía Areal, explicou que a actividade tivo moi boa aceptación por parte da comunidade educativa.

Fin da pobreza, fame cero, saúde e benestar, educación de calidade, igualdade de xénero, auga limpa e saneamento, enerxía non contaminante, traballo decente, industria e innovación, cidades sostibles, consumo responsable, acción polo clima, vida submarina e terrestre, e paz e xustiza, son algúns ODS que a ONU incluíu dentro da Axenda de Desenvolvemento Sustentable 2030, ante o incumprimento dos chamados Obxectivos do Milenio.