O Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño prepara unha curta sobre o trato desigual que reciben nenos e nenas na sociedade actual O colectivo, integrado por nenos e nenas de Primaria e Secundaria, presentará o traballo no 5º Encontro de Concellos, que se celebrará en Oviedo no mes de maio

O Consello da Infancia e Adolescencia (CIA) de Tomiño prepara estes días unha curta que presentará no vindeiro mes de maio, no marco do 5º Encontro de Concellos (a nivel estatal) en Oviedo.

Trátase dun traballo audiovisual, duns 5 minutos de duración, sobre o trato desigual que reciben nenos e nenas no eido da educación e da sociedade en xeral. Estrela é a protagonista da cinta; unha moza que vai reflexionando sobre a forma que lle tratan ou as tarefas que lle asignan na súa casa, no instituto, na rúa; o que se agarda dela, as maneiras nas que lle falan os demais…e decide adoptar unha actitude distinta na súa vida.

Constituído por nenos e nenas de Primaria e Secundaria, o Consello da Infancia e Adolescencia de Tomiño, ten coma presidenta a Sofía Areal, alumna do IES Antón Alonso Ríos e leva funcionando dende o 15 de decembro do pasado ano. Este colectivo, promovido polo Concello de Tomiño, é un dos requisitos para conseguir o selo de Cidade Amiga da Infancia concedido por Unicef. Na actualidade está formado por 22 persoas, de entre 11 e 17 anos. O nome escollido é “Voces Novas” xa que queren converterse nunha ferramenta para facer que se escoiten as súas voces, opinións e ideas, e están a traballar nesta liña, participando na vida municipal. De feito están a perfilar unha moción que presentarán ao próximo pleno ordinario, pedindo o seu recoñecemento oficial.

Dende a súa formación os compoñentes redactaron xa varias propostas de traballo, algunhas delas consistentes na organización de charlas sobre diferentes temáticas, obradoiros e actividades culturais e lúdicas relacionadas cos intereses da infancia e da adolescencia tomiñesa. “Aínda que seguimos na fase de asentamento, regulamento interno, busca de diferentes liñas de traballo, etc.;  xa saíron varias propostas moi interesantes, como charlas sobre educación sexual ou unha curtametraxe sobre as desigualdades de xénero”, explica a presidenta do grupo.

As reunións son moi dinámicas e todos/as achegan o seu graniño de area, xa que teñen moita ilusión e expectativas neste proxecto. “Ata agora, reunímonos de forma periódica unha vez ao mes, pero vamos estipular unha serie de reunións co goberno municipal, para ter unha comunicación constante entre os dous órganos e ver que proxectos son viables e cales non”, comenta Sofía Areal.

O grupo segue aberto a novos membros que se animen a participar (vocesnovas.tomino@gmail.com ). “Dicir que eu son a presidenta e que teño moita ilusión depositada neste novo grupo, é necesario que exista a presenza da infancia e da mocidade no día a día dun Concello, creo que damos unha visión moi interesante das cousas, e é necesario que a sociedade actual traballe de forma conxunta coa que vai ser a sociedade do futuro, porque así creamos lazos e vínculos moito máis fortes que nos axudan a avanzar e a mellorar como colectivo”, explica a presidenta do CIA tomiñés.