O Consello da Infancia e da Adolescencia busca novos membros Os nenos e nenas interesados en participar deberán encher unha ficha de inscrición e remitila á concellería de Educación

O Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño segue a dar pasos cara adiante. Tras a primeira reunión o pasado mes de decembro, no que participaron 7 mozos e mozas, o consello está a organizar as vindeiras reunións invitando a unirse a todos o rapaces e rapazas interesados nesta iniciativa. O próximo consello convocarase para este mes de xaneiro, aínda que quedan por pechar tanto a data como algunhas cuestións organizativas.

Todas aquelas persoas interesadas en participar deberán encher un formulario de inscrición no que os nais, pais ou titores e titoras legais dan o consentimento de participación na actividade, xa que os integrantes do consello son todos menores de idade.

Nesta ficha, os representantes legais dos menores deberán decidir se dan consentimento de participación nos encontros do Consello, se tamén aceptan que se compartan os datos persoais co persoal municipal encargado da organización dos Consellos para poñerse en contacto con eles e cos membros dos consellos doutras localidades cando se produzan encontros intermunicipais ou se tamén consenten que as imaxes dos consellos aparezan publicadas na web e nas redes sociais do concello de Tomiño e de Unicef.

Esta ficha de inscrición debe de ser enviada a educacion.tomino@gmail.com, onde se recollerán todas as autorizacións que cheguen e canle que servirá tamén de comunicación coa organización para resolver dúbidas ou preguntas que poidan ter tanto os futuros e futuras integrantes dos consellos como os seus nais e pais.

Descarga aquí o formulario de autorización.

Cidade Amiga da Infancia

A posta en marcha deste Consello é un dos pasos adiante que está a dar o concello de Tomiño para conseguir o selo de Cidade Amiga da Infancia concedido por Unicef, que recoñece o labor dos municipios a prol de mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, a súa participación activa na vida municipal e a promoción e implantación de políticas locais que garantan o seu desenvolvemento integral cun enfoque de dereitos. Con este obxectivo e co gallo do Día Internacional dos Dereitos da Infancia, o Concello elaborou un vídeo no que nenos e nenas amosan os seus desexos sobre o seu futuro.

Mentres, no primeiro encontro do Consello da Infancia e da Adolescencia, os sete rapaces e rapazas participantes revisaron as máis de 20 demandas recollidas durante o campamento urbano de verán e acordaron tratar como prioritarias tres peticións concretas. Por un lado, a posta en marcha de máis actividades de cine ao aire libre, incluso contemplando a posibilidade da creación dun cinema. Por outra banda, os mozos e mozas reclamaban que se fixeran máis acampadas e que se amplíe a máis cursos a actividade de Turonia, un campamento urbano con distintas actividades e saídas para coñecer os municipio.

Por último, o Consello acordou tamén realizar charlas sobre bullying, machismo, consumo de drogas e LGTBI e dar prioridade aos arranxos dos parques públicos e ao cambio do chan da pista de skate de Goián que “non é axeitado”. A acta recolle que “cando se planifique a realización das obras é bo ter en conta a opinión e demanda de adolescentes que coñecen as características necesarias para un uso óptimo”.