O Consello da Infancia traballará para visibilizar datas importantes relacionadas coa igualdade e os dereitos humanos

O Consello da Infancia traballará para visibilizar datas importantes relacionadas coa igualdade e os dereitos humanos Celebrou esta semana unha reunión no salón de plenos do Concello e mantivo un encontro cos arquitectos para achegar as ideas sobre as obras no parque da Feira ou a placa de Cidade Amiga da Infancia

O Consello da Infancia e Adolescencia, ‘Voces Novas’, xa ten marcado o seu calendario de traballo ata final de ano. A vintena de novos e novas integrantes do consello reuníronse esta semana no salón de plenos do Concello para falar sobre os proxectos a abordar neste último trimestre do ano, como o da posta en marcha de diferentes accións para visibilizar datas importantes relacionadas con aspectos como a igualdade ou os dereitos humanos.

Tras estudar o calendario de datas a conmemorar establecidas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, os rapaces e rapazas escolleron por votación levar a cabo diferentes actividades de dinamización o:

  • Día Internacional da Nena, que se celebra o 11 de outubro e busca o empoderamento das nenas no mundo.
  • Día Internacional contra a Violencia de Xénero (25 de novembro), co que se procura sensibilizar e denunciar a violencia exercida contra as mulleres.
  • Día Internacional dos Dereitos Humanos, que se celebra o 10 de decembro.

 

Na vindeira reunión, o Consello da Infancia reunirase para traballar xa nas accións a realizar o vindeiro 11 de outubro, buscando actividades participativas abertas a todo o público e que involucren a todos os tomiñeses e tomiñesas.

Acompañados pola concelleira de Participación Infantil e Mocidade, Fátima Rodríguez, e coordinados por Karina Bouzada, as e os integrantes de ‘Voces Novas’ tamén mantiveron un encontro cos arquitectos responsables das obras do parque da Feira, que lles presentaron a evolución do proxecto de remodelación da zona. O Consello da Infancia e da Adolescencia comprometeuse a recoller ideas para o deseño do interior do parque e trasladarllas aos arquitectos en vindeiros encontros.

Asemade, os rapaces e rapazas tamén debateron sobre a placa que sinala a Tomiño como Cidade Amiga da Infancia, que se colocará nunha zona verde próxima á Casa do Concello. ‘Voces Novas’ achegará o seu gran de area no deseño do espazo no que se colocará, xa que queren crear unha composición na que esta placa estea acompañada por outros elementos sinalados.

Entre outros temas que trataron tamén estiveron a xestión do Instagram, cuestións de funcionamento ou acordos do novo regulamento.